Desde o pasado mes de outubro os datos do INEM viñan amosando un incremento continuo en Galiza no número de persoas desempregadas. Este febreiro produciuse unha viraxe nesa tendencia, coa redución de 3.028 parados, evolución positiva que nese período foi a mellor a nivel estatal xunto coa de Aragón e a de Baleares. Así e todo, a diminución afectoulle principalmente aos homes, 2.083 parados menos, mentres que só 945 mulleres saíron das listas no último mes en Galiza.
En cifras totais Galiza quedaba á fin do mes de febreiro en 178.373 parados, un 1.67% menos ca no mes de xaneiro, aínda que a evolución é mellor se comparamos os números cos de hai un ano polas mesmas datas, rexistrando 8.113 desempregados menos, unha redución na taxa interanual de desemprego do 4.35%. Nese treito só outras dúas comunidades autónomas rexistraron unha evolución mellor no recurte do desemprego, Cantabria, onde o paro minguou un 8.42% e Asturias, onde a redución foi dun 7.26%.
Por provincias, a mellor evolución no último mes foi na provincia de Lugo, cun 3.44% de parados menos, aínda que ao longo dos doce meses anteriores foi A Coruña a provincia onde máis caeu o paro, 4.339 persoas menos, un 5.74% de redución. O número de extranxeiros rexistrados nas oficinas galegas do INEM chega ás 5.644 persoas, 3.749 chegadas de países de fóra da Unión Europea e 1.896 da UE, e apenas unha ducia menos ca no mes anterior. No conxunto do Estado o paro queda nun total de 2.169.277 persoas sen traballo, apenas un 0.10% menos no último mes e un 0.18% máis ca na mesma altura hai doce meses.
Desde UXT-Galiza alertaban este xoves do baixo número de contratos indefinidos asinados durante este último mes de febreiro, só o 11.2% do total, mentres que o 88.79% restante eran de carácter temporal. "Isto evidencia que a temporalidade segue a ser unha constante do mercado laboral galego, o que dificulta a estabilidade para moitos traballadores, unha proxección de futuro e unha perspectiva vital a longo prazo", critican desde o sindicato. Á beira, un 74% do total da contratación foi por obra ou servizo eventual, indicador que na opinión de UXT dá conta da precariedade do emprego que se está xerando en Galiza.