Súmase, deste xeito, a Yahoo e a Microsoft, entre outras compañías. O dominio estaba rexistrado dende febreiro de 2006.
O buscador Google xa activou a súa versión para a lingua e cultura catalás baixo o dominio google.cat. O nome estaba rexistrado dende o 14 de febreiro de 2006, ao mesmo tempo ca moitas institucións do país, pero aínda non estaba en funcionamento.
Polo de agora, a versión catalá de Google ofrece as mesmas funcionalidades ca o resto das versións internacionais do buscador, agás a de “Comezar sesión” e aparece na lingua que teñan seleccionada por defecto os usuarios, que ben pode ser o galego.
O paso que dá o buscador líder non é pioneiro, pois xa se lle adiantou o seu principal competidor, Yahoo, aínda que yahoo.cat redirixe automaticamente a ct.yahoo.com. O mesmo se pode dicir de Microsoft, microsoft.cat envía a unha páxina dedicada, entre outras cousas, á descarga do paquete de tradución de Windows e Office ao catalán.
É de supoñer que se o ICANN aproba os dominios .gal, os buscadores tamén se decidan a sacar a versión galega. O máis semellante que hai por agora é google.gl, de Groenlandia.