E foron recibidos pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, quen os felicitou por un novo éxito mundial. Os regatistas veñen de China, onde estiveron adestrando para os XXOO.
Este verán os dous regatistas do Real Club Náutico de Sanxenxo e competidores a bordo do Movistar revalidaron o título de campións do mundo na clase Tornado no Mundial celebrado en Cascais.
Durante a súa recepción oficial, Ánxela Bugallo quixo agradecerlles o seu exemplo para os deportistas galegos e escoitou a Echávarri e Paz namentres eles explicaban como se están a preparar para os Xogos Olímpicos de Beijing.
Os dous regatistas veñen de adestrar, todo o mes pasado, en China, tentando coñecer as condicións do tempo para as regatas no país que vai acoller as olimpíadas. Agora, xa de volta, van continuar coa súa preparación na casa, mais tentando buscar as condicións máis semellantes a aquelas coas que se van atopar durante a disputa dos Xogos, que son agora o seu grande obxectivo.
Fernando Echávarri e Antón Paz, recibiron os parabéns da conselleria Ánxela Bugallo, nun acto ao que tamén asistiron a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; e o presidente da Federación Galega de Vela, José Ángel Rodríguez.