Oito anos despois de que dese comezo a 'devolución', o nacionalismo está presente no executivo de Irlanda do Norte, Escocia e, agora, Gales.
Rhodri Morgan (esquerda) e Ieuan Wyn Jones
Non sendo Irlanda, Galiza foi en 2005 a primeira das nacións celtas do Atlántico en conseguir un goberno nacionalista. Dous anos despois, en 2007, Escocia, primeiro, e agora Gales, seguen a senda galaica, que xunto co acordo chegado en Irlanda do Norte -coas súas peculiaridades, compoñen un particular póker de pobos sen estado que ven reflectidos no poder Executivo os seus arelos de autodeterminación.
Este sábado, o Plaid Cymru aprobaba con 225 votos a favor (92%) e 18 en contra referendar un goberno de coalición co Partido Laborista, que a súa vez fixo o propio un día antes, cun respaldo do 78,4%. É a primeira vez, dende que hai oito anos comezase o proceso de 'devolución' (creación de parlamentos e goberno autonómicos con competencias, no Reino Unido), que os nacionalistas conseguen gobernar en Gales.
'Vice-primeiro ministro'
O líder do Plaid Cymru, Ieuan Wyn Jones, será 'vice-primeiro ministro' do goberno que dirixirá o laborista Rhodri Morgan, e que contará tamén con varios 'conselleiros' nacionalistas.
Jones sinalou que estaba "moi contento" e "moi orgulloso" de ser "o primeiro líder do Plaid en conseguir levar o partido ao goberno". "A decisión que hoxe (polo sábado) levou moito tempo facela realidade. Levou nove semanas negociar un acordo de goberno, mais o Plaid Cymru tardou 82 anos en chegar a este punto" .
"Gobernar para todos os galeses"
Ademais, o líder dos nacionalistas manifestou que o Executivo representará "todos os galeses, sen importar onde vivan ou a súa orixe", e que o acordo "non é polo interese de ningún partido , senón polo interese do pobo de Gales". "É un momento histórico na vida do noso partido, na vida dos nosos políticos e na vida da nosa nación", engadiu.
A coalición supón que o Partido Conservador se converta na principal forza da oposición. O seu líder xa sinalou que hai moitos puntos do acordo nos que discrepa, mais prometeu unha "oposición construtiva".