Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións decisivas nos dous países celtas

Os nacionalismos galés e escocés buscan mudar séculos de historia

Galeses e escoceses concorren as urnas para decidir a composición de cadansúa Cámara. Tamén os ingleses elixen os seus representantes municipais.

FAA - 08:00 03/05/2007
O líder do SNP, Alex Salmond

O líder do SNP, Alex Salmond

Preto de corenta millóns de persoas están chamadas ás urnas este xoves na illa de Gran Bretaña. Os ingleses elixen os seus representantes municipais, os galeses os da súa Asemblea Nacional, e os escoceses, ambos: os membros dos concellos e mais os do parlamento de Holyrood. Mais é nas eleccións lexislativas de ambas as dúas nacións celtas onde máis se decide, o futuro do Reino Unido.

En Inglaterra, 10.500 concellarías de 312 municipios estarán en xogo -coa excepción de Londres, onde se votou o ano pasado-, a maioría nas zonas do leste, sur e sudoeste. Tamén en Gales hai eleccións, neste caso para elixir os 60 representantes da Asemblea Nacional.

Mentres, en Escocia decidirase a composición de 32 concellos, e quen ocupara os 129 escanos da súa cámara lexislativa, dos que 73 corresponden a representantes das circunscricións e 56 son membros das oito rexións en que está dividido o país.

Cada rexión ten sete representantes no parlamento de Edimburgo, que, xunto cos membros das circunscricións, gobernan durante un período de catro anos. Os 129 escanos serán elixidos por voto único transferíbel, que pon énfase na proporcionalidade para evitar o bipartidismo que se dá nas eleccións xerais ao parlamento británico de Westminster.

Vitoria do SNP en Escocia

Segundo a última sondaxe publicada esta cuarta feira polo diario The Scotsman, o Partido Nacional Escocés, SNP, mantén a súa vantaxe sobre os laboristas, malia que esta semella ir minguando. Así, contan cun rédito dun 2% na votación nas locais e un 1% na votación para o Parlamento. Estes resultados darían ao SNP tan só un escano máis que aos laboristas na Cámara, con 43 para os nacionalistas e 42 para o partido do primeiro ministro Tony Blair.

En terceiro lugar situaríanse os Liberal Demócratas, aos que tanto nacionalistas como laboristas estiveron cortexando, con 23 escanos, seguidos dos conservadores, que só lograrían 17, e os Verdes, que se farían con un, mentres que os tres escanos restantes irían parar a outras formacións.

A 'campaña do medo' laborista centrada en convencer aos escoceses de que a de mañá é unha elección vital para o futuro da Unión -que esta mesma semana cumpriu 300 anos- logrou os seus froitos. Durante a súa visita desta cuarta feira a Escocia, Blair advertiu aos cidadáns de que unha vitoria do SNP, que prometeu un referendo sobre a independencia para 2010, levaría ao "caos e a inestabilidade".

"Non existe ningún dereito divino para gobernar Escocia; o dereito divino dos príncipes foi borrado da nosa historia hai algún tempo e ningún partido político o ten", respondeulle Salmond, líder do SPN.

O Plaid Cymru, clave en Gales

En Gales, os nacionalistas do Plaid Cymru, malia non contaren con gañar, manteñen abertas as súas esperanzas de ser o partido da oposición máis votado, e poderíase producir unha posíbel coalición para sacar aos laboristas do poder.

O secretario de Estado para Gales, Peter Hain, defendeu a necesidade de votar polos laboristas, subliñando o "risco dunha coalición débil e dividida dos nacionalistas e os 'tories', que levaría a inestabilidade e o conflito".

Segundo o líder do Plaid Cymru, Ieuan Wyn Jones, pódense "dicir dúas cousas con certeza: o voto laborista en Gales estase diluíndo, e todo dá a entender que o Plaid é o único partido que pode derrotar aos laboristas".

Debate aberto

En definitiva, tanto se os nacionalismos galés e escocés conseguen unha histórica vitoria -que podería pór os alicerces para outras aventuras secesionistas no seo da Unión Europea- como se non, o debate político sobre o modelo de estado no Reino Unido está máis aberto do que nunca estivo nestes últimos 300 anos de Unión.

E en termos máis inmediatos, tal e como aseveran todos os expertos, as municipais en Inglaterra e as lexislativas en Escocia e Gales van servir como referendo da política do Partido Laborista, especialmente de Tony Blair, quen a vindeira semana anunciará a data da súa retirada definitiva tras dez anos no poder.


Ligazóns

5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: