Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Porén, admite que "o tema non é sinxelo"

Rubalcaba asegura que se está a traballar para que os mariñeiros poidan votar

O BNG advirte de que "sería un vergoña" que nas xerais de 2008 "preto de 10.000 galegos" quedasen sen emitir o seu sufraxio.

Redacción - 13:36 06/06/2007
Intervención de Francisco Jorquera no Senado español, esta cuarta feira

Intervención de Francisco Jorquera no Senado español, esta cuarta feira

O ministro do Interior español, Alfredo Pérez Rubalcaba, asegurou esta cuarta feira que o Executivo do que forma parte ten a "máxima vontade política" para posibilitar que os mariñeiros embarcados durante procesos electorais poidan exercer o seu dereito ao voto.

Con todo, admitiu que "o tema non é sinxelo". "Imos tentar resolvelo, e a fórmula son as novas tecnoloxías", engadiu. Rubalcaba contestou deste xeito a unha pregunta do senador do BNG, Francisco Jorquera, sobre as previsións do goberno español con respecto á modificación da normativa electoral vixente, co fin de que se lles posibilite votar aos mariñeiros embarcados.

Discriminación

Jorquera criticou que netos de galegos poidan votar nas eleccións municipais, "cando en moitos casos mesmo nin visitaron as súas vilas", mentres que hai "máis de 10.000 residentes en Galiza aos que se lles nega na práctica o exercicio do dereito ao voto por seren mariñeiros embarcados".

O nacionalista subliñou que se trata de cidadáns que poden estar meses sen pisar terra firme, e denunciou que os procedementos estabelecidos até o de agora para que voten foron ineficaces. "Grazas aos avances tecnolóxicos é posíbel lograr avances se hai vontade política. Sería unha vergoña que antes das xerais de 2008 tampouco entrasen en vigor estas reformas", expuxo.

Ademais, criticou que "noutros casos especiais, como no das tropas españolas despregadas en Afganistán, ou no seu día en Iraq, si que se habilitaron medidas para que estes puideran exercer o seu dereito a voto". Xa que logo, denunciou, "non estamos ante un problema de complexidade técnica, senón de falla de vontade política".


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: