Bieito Lobeira solicitou que se recoñezan os dereitos civís do colectivo, como acontece noutros estados europeos.
Os mariñeiros embarcados non poden exercer o voto / Flickr: O roxo
O Parlamento aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG a prol de que os mariñeiros embarcados teñan garantido o seu dereito ao voto. A cámara pediralle ao goberno central que se modifique a normativa electoral nese sentido.
O deputado nacionalista Bieito Lobeira afirmou que, na actualidade, un colectivo de máis de 10.000 traballadores non pode votar “porque o goberno non lles recoñece os seus dereitos civís”. Noutros países, como Suecia, con menos frota pero “bases democráticas máis asentadas” si se garante o dereito dos mariñeiros a votaren dende o mar.
Lobeira salientou o feito de que os tres grupos, nomeadamente o PP, se puxeran de acordo nunha proposta deste tipo. Malia isto, acusou os populares de actuaren con “hipocrisía política”, polo feito de que até agora se opuxeran a este tipo de proposicións.