O deputado Bieito Lobeira cualificou de "inmoral", "escandaloso" e de "fraude" que os mariñeiros embarcados non poidan exercer o dereito ao voto.
O coordinador do grupo parlamentario do BNG e voceiro de Pesca, Bieito Lobeira, denunciou este luns a situación dos mariñeiros embarcados, que coa actual lexislación, non van poden votar nas vindeiras eleccións municipais.
O deputado nacionalista sinalou que se trata dun número de cidadáns que ronda as dez mil ou quince mil persoas, xa que afecta ás frotas de altura, grande altura e da mariña mercante, de todos os océanos. Porén sinalou o grande coñecemento que estes teñen do país, "mellor ca moitos dos residentes ausentes que si teñen dereito a voto", dixo.
Os militares si votarán
"A inxustiza desta anomalía é maior se temos en conta que as tropas de ocupación en Afganistán si van poder votar a través de mesas electorais de campaña", salientou Lobeira.
Criticou ademais as poucas garantías que ofrece o Censo de Residentes Ausentes: "Até a Santa Compaña ten recoñecidos os seus dereitos, mentres que os mariñeiros non". Segundo este, detrás disto "hai un problema de vontade política, porque tecnicamente é posíbel que este colectivo exerza os seus dereitos en períodos electorais".
"Sospeitoso" aumento do censo
O voceiro do BNG no Parlamento amosou a súa desconfianza polo aumento do número de censados precisamente nas comarcas primordialmente mariñeiras, e cualificouno de "sospeitoso". Así, en comarcas como a Costa da Morte, o Barbanza ou o Salnés, sinalou, hai incrementos do 30% ou máis.
O BNG, segundo anunciou Lobeira, vai presentar unha nova iniciativa (xa o fixera en 2001) parlamentaria. Trátase dunha proposición non de lei co obxecto de demandar unha modificación da normativa electoral vixente, para que este colectivo poida exercer o seu dereito a voto nos buques con plenas garantías.