O BNG presentou unha proposición non de lei no parlamento para esixir ao goberno galego que demande a modificación da normativa electoral para garantir que os mariñeiros embarcados poidan exercer o seu dereito ao voto. O deputado nacionalista Bieito Lobeira asegurou que non se trata dun "capricho do BNG" senón dunha "vella e histórica" reivindicación que afecta a unhas 20.000 persoas en todo o país.
Lobeira explicou que, pese a existir unha regramentación complementaria que fixa as condicións de voto deste persoal, non recolle a particular realidade galega, "pois boa parte da nosa flota de altura non toca porto español durante moitos meses".
Na práctica, en consecuencia, os milleiros de galegos afectados non poden acollerse á lei, o que supón unha "inmoralidade e un auténtico fraude antidemocrático", que se agrava, segundo Lobeira, porque si existen posibilidades técnicas e tecnolóxicas para facer viábel a iniciativa nacionalista e porque se dá unha situación discriminatoria respecto doutros casos, como o dos militares, que si poden votar dende os seus destinos, véxase o caso de Iraq.
Bieito Lobeira estivo acompañado durante a súa comparecencia por represtantes do sector e o responsábel da CIG Xabier Aboi, quen anunciou que levarán este debate aos portos e aos barcos para que todos os afectados coñezan os seus dereitos e a actitude dos gobernos central e autonómico ao respecto.
Entre as medidas que recolle a proposta nacionalista están a criación de mesas eleitorais a borde dos buques, en tanto os capitáns están autorizados para elevar actos administrativos, garantir a recepción dos programas eleitorais e relación de candidatos de todas as listas, consideración oficial dos servizos de radiotelegrafía dos buques como dependencias delegadas do servizo de correos e elaboración dunha regramentación específica para estes supostos que garanta o anonimato e a liberdade de voto.