Convocada polo Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol e polos mariscadores, conta co respaldo de varias asociacións ecoloxistas, sindicatos e partidos políticos.
O Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol e os mariscadores da confraría ferrolá convocaron unha manifestación contra Reganosa e en condena pola actuación das forzas de seguridade do Estado, baixo os lemas Planta de gas fóra da ría e Bastida, liberdade, que terá lugar o vindeiro domingo a partir das 12.00 horas.
Esta partirá do peirao de Curuxeiras e dirixirase cara á Praza de Armas, ante o Concello de Ferrol. Os colectivos convocantes piden o traslado de Reganosa fóra da ría, por entender que supón un grave risco para as poboacións dos municipios ao seu carón, que prexudica ao sector marisqueiro e que carece dos permisos legais para entrar en funcionamento.
Ademais, esixirase a posta en liberdade do patrón maior da confraría de mariscadores de Ferrol, Bernardo Bastida, en prisión provisional con cargos, acusado de desobediencia á autoridade, desordes públicas, ameazas e coaccións, polo bloqueo do buque metaneiro Mourad Didouche, a pasada terza. Os mariscadores consideran a Bastida como único interlocutor válido para negociar con Reganosa.
Apoio de asociacións ecoloxistas, sindicais e políticas
A mobilización deste domingo está apoiada por diversas organizacións ecoloxistas socioculturais. É o caso das integradas na Plataforma Ártabra 21 ou de ADEGA, que cancelou a concentración programada para ese mesmo día en Compostela en defensa do Ambiente, e súmase a convocada en Ferrol.
Tamén, xa na tarde deste venres, os sindicatos USTG e CIG confirmaron o súa presenza na manifestación. O primeiro esixiu a inmediata posta en liberdade de Bernardo Bastida, por non cometer máis delito que "o que puidemos cometer todos os que se manifestaron e rexeitaron a construción e entrada en funcionamento da planta de gas dentro da ría".
Pola súa banda, a CIG manifestou o seu apoio ás protestas dos mariscadores. A través dun comunicado de prensa, a Executiva Comarcal amosou a súa "enérxica repulsa á brutal e criminal actuación da Garda Civil e da Policía", que consideran máis similar a un estado "para-policial e ditatorial" que a un estado democrático.
No ámbito de apoios políticos, ademais de Esquerda Unida, o partido Terra Galega, tanto en Ferrol coma en Narón -concello no que goberna-, amosou o seu apoio á manifestación convocada o domingo, e o seu respaldo ás reivindicacións dos mariscadores, tanto na súa defensa do seu traballo coma na petición de posta en liberdade do patrón maior da confraría Bernardo Bastida. A formación tamén rexeita as actuacións policiais desta semana en Ferrol.
Xuntanza con Vicente Irisarri
Por outra parte, os mariscadores de Ferrol mantiveron unha xuntanza este venres co alcalde electo, Vicente Irisarri. Tras a reunión, estes criticaron que o PSdeG local e o seu líder "non se queren mollar" no conflito.
Ademais, os mariscadores ferroláns recibiron tamén este venres o apoio da Confraría de Fene-Barallobre. Máis dun cento de persoas participaron nunha concentración diante da casa do Concello de Fene e leron un manifesto condenando a acción das forzas de seguridade do Estado.