O
Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol convocou máis de mil persoas nunha concentración de rexeitamento a Reganosa que se desenvolveu o sábado ao mediodía no peirao de Curuxeiras, en Ferrol.
Deste xeito, a agrupación amosou o seu rexeitamento á posta en funcionamento da planta de gas de Mugardos e á entrada na ría do
Galicia Spirit, gaseiro cargado con 145.500 metros cúbicos de combustíbel. O buque abandonou a primeira hora da mañá Reganosa, onde levaba atracado dende o mércores. Os convocantes da concentración recolleron sinaturas para esixir o cesamento do capitán marítimo de Ferrol, Jorge Cao Ruíz, do presidente da Autoridade Portuaria, Amable Dopico, e do delegado do goberno central, Manuel Ameixeiras, por teren permitido a entrada do
Galicia Spirit, poñendo en grave perigo a vida da poboación próxima e a riqueza marisqueira da ría.
Aínda que o barco xa marchou da zona, a súa carga de gas licuado quedou no interior dos tanques da planta de Mugardos. O Comité Cidadán anunciou, ademais, que os mariscadores volverán bloquear a entrada da ría de Ferrol cando chegue o próximo buque metaneiro.