Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DO AMBIENTE

Festival en prol do traslado de Reganosa ao exterior da Ría

O Comité Cidadán de Emerxencia organizou para este sábado unha concentración-festival baixo o lema Ameaza a todo gas, Non grazas! Planta de gas fóra da Ría. As actividades servirán para reivindicar que o complexo que está a construír Reganosa en Mugardos se traslade ao porto exterior ou a mar aberto. Así, partir das 20:30 horas o Cantón de Molíns acollerá as actuacións de varios grupos musicais da cidade e escenificacións a cargo dos alumnos da Escola de Teatro de Narón.

- 10:38 02/06/2006
Tags:

Segundo apuntan os responsables desta iniciativa, "a pretensión de instalar unha planta de gas dentro da ría de Ferrol é a maior agresión ambiental que está a producirse en Galicia". A entrada en funcionamento da regasificadora, sinalan, constituiría unha ameaza moi grave para a vida de milleiros de cidadáns, así como para os postos de traballo dependentes da riqueza marisqueira do contorno.

Atendendo a estes e outros feitos, e con motivo do Día Mundial do Ambiente -que se celebra o 5 de xuño-, o Comité Cidadán de Emerxencia programou para este sábado un festival co que reclamará o traslado de Reganosa ao exterior da ría. Neste acto, o poeta Antón Cortizas lerá un manifesto no que se lles solicita á Administración central e á Xunta de Galicia a paralización das obras da regasificadora.

Doutra banda, os organizadores do acto ven con optimismo as actuacións que nos últimos anos veñen desenvolvendo en contra da planta de gas. Neste eido, confían en acadar os seus obxectivos antes dun ano, xa que varias sentencias e contenciosos admitidos a trámite apuntan cara á posible paralización dos traballos. Por estes motivos, a concentración do sábado terá un marcado carácter festivo, ao contar coas actuacións musicais de Abregos do Couto -folc-, Perros de Paja -rock-, Kool and The Band -funky- e McKuin -rock-. Entre estas intervencións sucederanse as escenificacións dos alumnos da Escola de Teatro de Narón.

O festival, ao que convidan a participar a toda a cidadanía, dará comezo ás 20:30 horas deste sábado no Cantón de Molíns.

Apoio da Plataforma Ártabra 21

A plataforma cidadá Ártabra 21, oficialmente constituída o día 29 de maio, manifestou xa o seu apoio a esta convocatoria. Ártabra 21 ten entre os seus principais obxectivos a defensa da sustentabilidade e do patrimonio natural. O seu documento fundacional foi asinado por numerosos particulares, así como por 17 entidades de diversa índole entre as que se atopan os colectivos ecoloxistas ADEGA-Trasancos, Verdegaia, ou Os Picos do Sol.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: