As forzas de seguridade golpearon as persoas concentradas en Curuxeiras logo de se negaren a ser identificadas. Hai dez feridos, e o patrón maior da Confraría de Ferrol permanece detido no cuartel da Guardia Civil.
Pasadas as 16.30 horas desta terza, axentes da Policía dirixíronse ao peirao ferrolán de Curuxeiras para identificar aos mariscadores que bloquearon este mediodía a entrada da ría ao gaseiro Mourad Didouche, con dirección a Reganosa.
Tras uns momentos de discusión, os efectivos do corpo armado comezaron a golpear as persoas alí reunidas, tanto os mariscadores como outros cidadáns. Como resultado, dez persoas resultaron feridas, e o patrón maior da Confraría de Ferrol, Bernardo Bastida, foi conducido ao cuartel da Garda Civil.
Concentración ante o cuartel
O resto dos presentes decidiu encamiñarse cara ao lugar no que permanece retido en manifestación, para protestaren pola actuación dos axentes e esixir a liberación de Bastida. Dende as 17.00 horas permanecen concentrados ante o lugar á espera de que este sexa ceibado.
Carmelo Teixeiro, voceiro do Comité Cidadán de Emerxencia, sinalou que esta actuación "responde a unha orde do delegado do Goberno español (Manuel Ameijeiras), co fin de atemorizar á xente", e engadiu, que a "retención (de Bastida) estase a estender no tempo intencionadamente".
Xuíz de garda
Pola súa banda, Humberto Fidalgo, vicepresidente de ADEGA-Trasancos, sinalou que se pretende "descabezar" o movemento cidadán coa detención de Bastida, ao estar considerado o incitador da mobilización.
Xa á noitiña, membros do Comité acudiron ao xuíz de garda para esixir que se axilice o proceso de elaboración do atestado, e que se libere a Bernardo Bastida axiña.