As embarcacións volveron saír na mañá deste martes, malia que finalmente, o gaseiro non tentou manobras de acercamento a Ferrol.
A primeira hora deste martes, as lanchas de mariscadores e colectivos veciñais ferroláns saíron outra vez coa intención de bloquear o paso do Galicia Spirit. Finalmente, o buque non aproveitou a preamar para facer outro intento de acceso á planta de gas.
"Saben que a planta non cumpre a normativa e que tampouco o fan os barcos que pretenden meter na ría", subliñou Humberto Fidalgo, de Adega, que este martes estivo outra vez nunha das lanchas que saiu ao paso do gaseiro que pretende entrar cara á factoría de Reganosa.
Ás reivindicacións dos últimos días únense agora as críticas ás declaracións desde a Xunta de Galicia, e desde as lanchas repróchanlle ao presidente da Xunta as declaracións deste luns onde subliñaba que se poñerían todos os medios para forzar a entrada do barco gaseiro a Reganosa. "Non poden levar anos posicionándose en favor do traslado da factoría de ENCE en Pontevedra e agora teimar con meter na ría de Ferrol este proxecto", láiase Fidalgo.