Di que “os galegos do século XXI xa teñen onde comezar a súa educación, sen medo, sen complexos, con orgullo de sí mesmos e do seu país".
O vicepresidente da Xunta xoga cunha cativa nun dos centros
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou na tarde do sábado en Boiro, Rianxo e Portas as tres primeiras escolas que forman parte da rede que está a por en marcha o seu departamento. Segundo o dirixente nacionalista, as Galescolas “que hoxe fretamos son o buque insignia da revolución tranquila do benestar”.
Os centros visitados na tarde do sábado contan con 217 prazas e dan emprego a trinta e tres profesionais. Desde Vicepresidencia anuncian a apertura de quince Galescolas ao longo deste primeiro cuadrimestre do ano e outras tantas antes de 2008.
Quintana asegurou na súa visita que os centros forman parte dunha rede fortalecida, cunha oferta de servizos moderna, equilibrada territorialmente e de calidade que "implica deixar atrás o déficit en materia de escolas infantís como un recurso básico para a igualdade e para conciliar a vida laboral e familiar".
O vicepresidente sinalou o importante papel destes centros para reafirmar a "identidade" propia, xa que a educación se impartirá en galego. "Os galegos do século XXI xa teñen onde comezar a súa educación, sen medo, sen complexos, con orgullo de sí mesmos e do seu país", subliñou.
Segundo Quintana, estas tres primeiras Galescolas exemplifican o modelo de centros que se queren estender ao resto de Galiza, “xa que se trata de centros modernos e funcionais, pensados para unha aprendizaxe que ten que ser para toda a vida”.