Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CATALUÑA E EUSCADI

Cataluña e Euscadi, a referencia das galescolas

A nova rede galega de escolas infantís toma como referencia ás iniciativas que xa están a funcionar no País Vasco e en Cataluña, onde nos últimos anos estase a realizar un gran esforzo por ampliar o número de prazas públicas ofertadas sen perder por iso a identidade cultural no seu ensino.

- 19:55 16/05/2006
Tags:

Cataluña, na procura de máis prazas
A Generalitat de Cataluña enfrontouse nos últimos anos ao gran problema do déficit de prazas públicas na educación infantil. Coa chegada do tripartito, aprobouse a lei que regula a creación garderías de calidade, que procura a creación de 30.000 novas prazas de titularidade pública no período 2004-2008. Deste xeito, o goberno catalán e os concellos da comunidade tentan dar un primeiro paso cara unha oferta pública axustada á demanda real e mellorar as actuais taxas de escolarización dos nenos menores de 3 anos. Aínda que con moito camiño por percorrer nos próximos dous anos, a educación primaria catalá presenta uns ratios de alumnos por aula e por profesor moi acordes aos reclamados desde a Unión Europea. Así, Cataluña conta con 535 centros exclusivos de educación infantil. Nas últimas cifras coñecidas, do ano 2004-2005, estes centros contaban con máis de 27000 nenos matriculados no primeiro ciclo, que vai desde os cero aos tres anos, o que supón en torno a uns 288 nenos por centro. As cifras de cativos por profesor e de un mestre por cada 14 alumnos, mentres que as cifras reflicten que cada centro conta, de media, cuns 20 profesores. Porén, e segundo o Mapa de Garderías Infantís de Cataluña, a situación actual da rede pública non da resposta á forte demanda social, co agravante de que esta escasa oferta pública supuxo que estes centros non puideran incidir na compensación de aqueles sectores menos favorecidos.

No referido ao idioma docente, a lei de Normalización Lingüística de 1983 dispón que "os nenos teñen dereito a recibir a primeira ensinanza na lingua habitual, xa sexa esta o catalán ou o castelán". Na práctica e desde 1996, case o cento por cento dos alumnos de educación infantil están matriculados no modelo en lingua catalá. Porén, denunciouse en numerosas ocasións as trabas administrativas e burocráticas que a Generalitat pon aos país interesados en que os seus fillos reciban a educación exclusivamente en catalán, o que vén sendo nos últimos anos o eixo da polémica sobre o idioma nas garderías públicas.

Euscadi, educación e atención social
En Euscadi a educación infantil de primeiro ciclo encadrase baixo o Consorcio Haurreskolak. Os obxectivos deste consorcio encamíñanse nunha dobre dirección: a atención educativa integral aos nenos e nenas que se matriculan nas escolas infantís e a atención social ás familias. Deste xeito, as escolas vascas outórganlle un papel prioritario ao desenvolvemento pedagóxico dos cativos rexeitando a idea de ser un simple servizo social. Os piares básicos das Haurreskolak son a educación integral do neno no seu entorno, unha educación preventiva e compensatoria das deficiencias e carencias, o desenvolvemento dunha aprendizaxe creativa e proporcionar unha educación paralela á dos pais e nais determinando actitudes e hábitos saudábeis para os cativos. O consorcio, creado a finais de 2003, conta na actualidade coa colaboración de máis de 75 concellos de Euscadi, os cales ofertan en xeral case 13500 prazas de educación infantil primaria en 1044 grupos de ensino. Os concellos adscritos ao consorcio poñen as instalacións para a escola infantil e encárgase do mantemento, limpeza e vixilancia mentres que Educación financia os equipos necesarios. O 60 por cento dos cartos que precisan estas escolas para funcionar o aporta o departamento, o 30 procede das taxas dos pais e o 10 restante o pon cada municipio. O prezo destas escolas é común: 180 euros ao mes, se o horario do alumno é completo, e 135 con horario reducido de cinco horas. As familias con menos recursos dispoñen dun programa de axudas para costear o servizo.

Desde o punto de vista da lingua, o modelo vasco de educación contempla tres grupos diferentes; só vasco, castelán e vasco ao 50 por cento, e só castelán. No primeiro ciclo da educación infantil, o modelo vasco é o máis solicitado moi por enriba do mixto. Segundo as cifras xerais presentadas por Educación referidas a este 2005-06, só 268 nenos están matriculados no modelo castelán, fronte os case 11.000 do modelo vasco.


0/5 (0 votos)