A Associação VOGAL (Viveiro e Observatório de Galescolas) vén de publicar un comunicado no seu blog no que afirma que a iniciativa posta en marcha pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia naceu xa en novembro de 2004, no seo do tecido asociativo reintegracionista. Sosteñen que nunha entrevista coa Secretaria Xeral de Igualdade, Carme Adán, manifestoulles o seu interese e o de Vicepresidencia no proxecto. O 12 deste mes, Carme Adán e o vicepresidente, Anxo Quintana, presentaron a Rede Galega de Esolas Infantís "Galescola."
Esta asociación constituiuse en maio do ano pasado. A súa proposta era crear unha rede de cooperativas de ensino na que o galego e unha lingua estranxeira (especialmente o inglés) fosen vehiculares, na que se potenciasen a presenza das novas tecnoloxías e o contacto coa lusofonía. Neses meses presentou o proxecto nos locais sociais A Reviravolta, de Pontevedra e A Revolta, de Vigo, mentres tomaban contacto con familias interesadas e xestionaban a creación do primeiro local en Vigo.
A Xunta anunciou o 12 de maio a creación, e colaboración coa FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias), dunha rede de centros de ensino infantil, para nenos e nenas de 0 a 3 anos, nos que a lingua vehicular fose o galego.
Vogal considérase gravemente prexudicada, como indica na súa web, "pelo aproveitamento ilegítimo do nome por parte da Xunta." Afirma que iniciará accións administrativas e xudiciais e contactará oficialmente coa Vicepresidencia.