Autonomistas e independentistas apañan case o 40% dos votos (28%, na primeira volta). O Partido Occitano acada cinco deputados por vez primeira. Sobe a UDB bretoa.
Éxito rotundo dos de Gilles Siméoni
A segunda volta das eleccións rexionais francesas confirmou a medra xeneralizada que xa se albiscaba hai unha semana dos partidos que avogan por unha maior cota de autogoberno para as súas nacións sen estado.
Fóra de Elsàss -onde os nacionalistas xa non superaran a primeira quenda, e onde seguirá a gobernar a dereita- e na Lengadòc e Cataluña Norte (Languedoc-Roussillon, en francés) -coa maioría absoluta conseguida pola formación do xenófobo George Frêche- os resultados en Breizh, Occitània e Corsica foron moi positivos.
Auxe do nacionalismo en Corsica
A medra do nacionalismo en Corsica vai evitar que na Asemblea haxa maioría absoluta de ningún partido e provoca a caída da dereita, ao tempo que será decisivo para aprobar normas.
Femu a Corsica, a lista autonomista liderada por Gilles Siméoni, obtivo un histórico 28,59% dos votos, mentres que os independentistas de Corsica Libera, encabezados por Jean-Guy Talamoni, apañaron o 11,21%. A candidatura conservadora de Camille de Rocca Serra mantivo o segundo lugar, co 29,48%, e a progresista de Paul Giaccobi leva o triunfo co 30,72%.
As diferenzas entre formacións son mínimas, e os partidos nacionalistas terán moito que dicir nesta nova xeira, xa que Giaccobi vai precisar do seu apoio. Todo indica, no entanto, que serán os autonomistas de Siméoni os seus socios preferentes.
A importancia do resultado de Femu a Corsica móstrase con maior evidencia nas dúas principais cidades da illa, Aiacciu e Bastia, onde se situou como segunda forza política, e en Portivechju, outra importante localidade, onde foi a gañadora das eleccións.
Outro resultado histórico, tamén na Occitània
Na Occitània, dividida por París en varios departamentos logo agrupados en rexións, por vez primeira haberá cinco representantes do Partido Occitano (PÒC), formando parte das listas conxuntas con Europe Écologie.
Os consellos rexionais de Auvèrnhe, Aquitània e Miègjorn-Pirenèus, con cadanseu, e Provença-Aups-Còsta d'Azur, con dous, terán deputados occitanistas. Rexións todas, ademais, que serán gobernadas polos socialistas con apoios.
Maioría absoluta socialista en Breizh
Aínda que os nacionalistas bretóns melloraron a súa representación, os socialistas de Jean-Yves Le Drian (50,92%) gobernarán en solitario outros seis anos máis en Breizh.
Europe Écologie, lista onde se integrou a Unión Democrática Bretoa (UDB) logrou o 17,21% dos sufraxios, que en teoría outorgarán aos nacionalistas catro deputados, un máis ca en 2004.