Máis de 200 anos de férreo centralismo non foron quen de diluír por completo a identidade dun pobo, que no entanto ve como cada cambio xeracional varre unha manchea máis de bretonfalantes.
A Bretaña, esgazada en cinco departamentos de dúas rexións francesas diferentes, loita na actualidade pola súa reunificación administrativa, e por maior autonomía nunha Francia que segue sen subscribir aínda a Carta Europea das Linguas Minorizadas, así como dentro da Europa dos Estados.
Francia anexiona a Bretaña en 1532, logo da morte da Duquesa Ana da Bretaña (1477 - 1514), que chegou a ser raíña francesa. Non é até os S.XIX-XX cando o sentimento nacionalista reaxe. O movemento bretonista ou Emsav (do bretón, "Rexurdimento"), que integra de forma non oficial todas as organizacións culturais, lingüísticas e políticas relacionadas coa reivindicación da nación bretoa. Tradicionalmente, este movemento divídese en tres períodos.
O primeiro, o que nace no S.XIX e vai até o ano 1914, cando inicia a Primeira Guerra Mundial. Neste espazo de tempo, fúndase e disolven o Partido Nacionalista Bretón (1911-1914), que reclamaba a autodeterminación, aspiraba ben a un Estado de seu ben á confederación con Francia e ao recoñecemento do bretón como única lingua nacional. Precisamente, varias publicacións en bretón saen do prelo neste tempo.
O segundo Emsav dura até 1945, ano en que finaliza a segunda Gran Guerra. Algúns militantes nacionalistas optan por se aliar coa Resistencia, mais unha boa parte, cos nazis. Ao rematar a contenda, varios destacados activistas son detidos e acusados de colaboracionismo e o nacionalismo entra nun período de inactividade.
O terceiro tivo o seu maior apoxeo nos 60 e 70, coincidindo coa época de contestación social a nivel mundial. Durante eses anos xorde a organización armada Fronte de Liberación da Bretaña, que en 1971 se refunda como Exército Revolucionario Bretón (ARB, nas siglas en francés).
Ao tempo, en 1964, nace o partido Unión Democrática Bretoa (UDB), formación nacionalista que chega até a actualidade e que camiñou nos últimos anos cara a unha postura máis posibilista. Conta cun destacábel apoio social. Ademais, nos oitenta aparecen outras formacións como a independentista e celtista de esquerdas Emgann (1982).
Defensa da lingua bretoa
Mais dentro de todas as correntes políticas existentes, neste país que basea a súa economía no turismo e na industria alimentaria (e a maior potencia pesqueira do Estado e produce o refresco Breizh Cola), coincídese na necesidade de unificar administrativamente a Bretaña e fomentar o uso do bretón.
Malia non contar con recoñecemento oficial por parte do Estado francés, a lingua bretoa -traída por inmigrantes da Gran Bretaña no S.V e que está emparentada co córnico e co galés- conta co apoio dun movemento cultural moi dinámico, amparado pola súa introdución nas escolas.
E aínda que non ten case presenza nos medios de comunicación, é usado diariamente por entre 300 mil e 600 mil persoas, iso si, cada vez menos novas.
Calcúlase que, desde o século IX a súa área lingüística recuou a favor do galó, lingua da familia do francés e do valón, que avanzou dende o interior cara ao occidente, mais que agora está a desaparecer pola presión do francés e pola recuperación de terreo, dende o S. XX, do bretón.