O nacionalismo corso conseguiu un resultado histórico na primeira volta das eleccións rexionais francesas deste domingo, dobrando a porcentaxe de votos que obtiveron nos comicios de hai cinco anos. Femu a Corsica, a lista autonomista liderada por Gilles Siméoni, obtivo un 18,48% dos votos, mentres que os independentistas de Corsica Libera, encabezados por Jean-Guy Talamoni, apañaron o 9,44%.
É dicir, entre as dúas forzas suman un 27,92% do sufraxio, máis de seis puntos por riba da UMP do ex presidente da Asemblea Camille de Rocca Serra (e de Nicolás Sarkozy), que só conseguiron o 21,48% dos votos. Isto podería supor que a dereita perdese o goberno da illa logo da segunda volta, o vindeiro domingo.
Consulta paralela en Ipar Euskal Herria
En Ipar Euskal Herria estaban chamados, ademais, a participar nunha consulta non vinculante sobre a posibilidade de constituír un departamento vasco, na que gañou o 'Si' cun 78% de votos a favor (a participación foi do 15%).
A iniciativa estaba convocada por Batera, unha organización constituída en 2002 da que fan parte máis de 110 asociacións, sindicatos e movementos sociais co propósito de reivindicar, ademais da creación dun departamento vasco, a oficialidade do éuscaro.
Malia as advertencias aos alcaldes, as urnas foron instaladas finalmente en 116 localidades; é dicir, en tres de cada catro e co apoio ademais de 90 alcaldes. En total, 189.422 habitantes, o 91% de todo o electorado, estaban chamados a votar.
A creación do departamento vasco non é só unha reivindicación dos partidos nacionalistas, Abertzaleen Batasuna, Batasuna, EA e PNV, senón que tamén é compartida por cargos da UMP e do PSF locais.
Resultados noutras nacións
En
Breizh, a Unión Democrática Bretoa (UDB) -integrada na lista de Europe Écologie, que conseguiu o 12,21% dos votos- estará na segunda volta. Unha outra lista nacionalista, Nous te ferons Bretagne, logrou o 4,29% dos votos, por baixo do mínimo do 10% requirido para pasar á seguinte votación.
Tamén no seo de Europe Écologie está o Partido Occitano (PÒC). As candidaturas verdes conseguiron superar o 10% en Auvèrnhe, en Miègjorn-Pirenèus e en Provença-Aups-Còsta d'Azur, mais non na Aquitània, a rexión máis grande da
Occitània.
Pola súa banda, os nacionalistas de
Elsàss decidiron desmarcarse no último momento da 'lista verde' e apoiaren a do Mouvement Démocrate (MD, MoDem), que só puido obter o 4,44% dos votos.