O goberno conservador de Sarkozy atribúelle o resultado á abstención. Para os socialistas, os cidadáns enviaron unha "clara mensaxe" ao executivo.
Case a metade dos franceses decidiron non exercer o seu dereito a voto este domingo nas eleccións rexionais francesas. O primeiro ministro, François Fillon, afirmou na súa comparecencia a última hora da noite que se trata dunha "abstención récord" e dixo esperar que a participación sexa maior na segunda volta destas eleccións. Fillon admitiu ademais ao respecto dos resultados que nesta primeira volta se tería producido en certo modo un plebiscito en clave estatal ao respecto da acción do goberno.
Segundo as primeiras sondaxes a pé de urna e a falta de datos definitivos, o Partido Socialista (PS) brinca ao primeiro posto no favor dos electores franceses cunha porcentaxe arredor do 30% do total de votos, case dobrando a porcentaxe obtida na última cita coas urnas, nas europeas de 2009. Atrás deles, a Unión polo Movemento Popular (UMP) do actual presidente Sarkozy, quedaría co 26% dos votos.
Fédération Régions et Peuples Solidaires
Outro dato significativo desta xornada electoral é o resultado da formación Europe Écologie, liderada polo eurodeputado Daniel Cohn Bendi e na que están integradas varias formacións nacionalistas da Fédération Régions et Peuples Solidaires (R&PS), que se consolida como terceira forza nas urnas, e podería chegar ao 13% do total de apoios.