Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUA NO ENSINO

O decreto definitivo darase a coñecer en febreiro

Anxo Lorenzo adianta que “deixará claro” un reparto ao 50% até que non se introduza o inglés e chama a “pechar canto antes” o debate sobre a lingua.

Redacción - 13:00 31/01/2010

O chamado pola Xunta “decreto do plurilingüismo” (“decretazo” polos seus opositores) estará rematado en febreiro. Así o adiantou o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, nunha entrevista a Europa Press ao remate da ronda de contactos cos diferentes colectivos educativos. A partir dese momento, a axenda será a que segue: levarase o documento á mesa sectorial de educación, onde “se retocarán puntos en función dos consensos que se poidan acadar” para, finalmente, aplicalo no vindeiro curso.

Metade galego, metade castelán
Lorenzo deixa agora claro que “mentres non se poida impartir o terzo das materias nun idioma estranxeiro, haberá un reparto igualitario ao 50% entre galego e castelán de materias e horas semanais”, á marxe das materias de lingua. Defendeu así o modelo como “unha aposta valente e arriscada” porque “neste país falar de trilingüismo e mesmo falar de equiparar no número de horas semanais o galego e o castelán parece que é tabú”.

Á pregunta de por que se derrogará un decreto que, en liñas xerais, tamén mantén o reparto igualitario de horas entre os dous idiomas, explicou que “nos últimos anos houbo un fortísimo debate lingüístico na sociedade galega” e nesta situación considera “inviábel” aplicar a política do anterior Goberno”. “Aspectos da política lingüística que hai catro anos pensabamos que se podían poñer en práctica, á vista do que está pasando nestes momentos, creo que é absolutamente inviábel”. A seguir, asegurou que as bases propostas para o decreto “cumpren estritamente” a Lei de Normalización Lingüística” e adiantou que “o Plan de Normalización segue sendo un documento de referencia”, se ben engadiu que “este plan di moitas cousas” e cada Goberno “estabelece as súas prioridades e ritmos de aplicación”.

Consulta aos pais
Sobre a consulta aos pais sobre a lingua en que queren que se impartan determinadas materias, Lorenzo afirmou que analizan “como canalizar este precepto” e “que é máis conveniente dende o punto de vista político, pedagóxico e da organización dos centros”. “A voz das familias é importante”, dixo, “como a canalicemos, de forma vinculante ou orientadora, iso é o que hai que ver”.

Ao respecto do artigo que permite o alumnado “utilizar nas manifestacións oral e escrta a lingua oficial da súa preferencia”, o secretario xeral de Política Lingüística avanzou que na nova proposta buscarase “unha fórmula aberta” para non contravir o marco constitucional e, en particular, apostou polo modelo do decreto de 1995 (goberno de Fraga), que reflectía que “o alumnado debe procurar utilizar a lingua na que se imparta a materia”, mais “sempre que se deixe un espazo de liberdade”.

O inglés no horizonte
Anxo Lorenzo asegurou que o que busca a Xunta é “facer real unha utopía” no referente ao ensino trilingüe. Para este futuro estimou un tempo necesario de oito ou dez anos e asegurou que “non se fará nin nun proceso obrigatorio nin de golpe, será gradual, progresivo e mesmo a estas alturas me atrevería a dicir que voluntario” e adiantou que se porán en marcha “os incentivos axeitados” porque o profesor “ten que estar motivado”.

Así, adiantou que se habilitará un sistema de “incentivos económicos e tamén na carreira profesional, no concurso de traslados” para aqueles profesores que “voluntariamente” se formen para impartir as súas materias nunha lingua estranxeira.

Pechar o conflito lingüístico
Ademais, Lorenzo insistiu na necesidade de “pechar canto antes un conflito lingüístico que nunca existiu a este nivel de debate público e político” porque “non é bo nin para o presente nin para o futuro do galego ter este debate permanentemente aberto”. “Non é bo nin saudábel”, dixo.


2,13/5 (23 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Lorenzo adianta que, no caso de haber problemas cos libros de texto, podería aplicarse unha moratoria para este particular dun ou dous cursos
Lorenzo adianta que, no caso de haber problemas cos libros de texto, podería aplicarse unha moratoria para este particular dun ou dous cursos
Lorenzo, co conselleiro de Educación, no momento da presentación das enquisas os pais
Lorenzo, co conselleiro de Educación, no momento da presentación das enquisas os pais