Máis da metade do claustro de profesores do CPI Tomás de Lemos de Ribadavia asina un escrito denunciando a "manipulación" da TVG.
O telexornal da noite do 21 de xaneiro, día da folga no ensino e da multitudinaria manifestación en Compostela para protestar polo 'decretazo', emitiu unhas imaxes do CPI Tomás de Lemos de Ribadavia así como declaracións do seu director nas que falaba de "normalidade absoluta".
O certo é que esa suposta normalidade non foi tal. Así o demostran os 34 profesores (dun claustro de 64 persoas, máis do 53%) que asinan un documento co que queren corrixir as "informacións erróneas difundidas pola TVG sobre o seguimento da folga do 21 de xaneiro no noso centro educativo".
"Esta canle de televisión -aseguran- (...) mostrou imaxes do noso centro como exemplo das moitas escolas onde a folga non se notou". Segundo aclaran, "a realidade é que 9 mestres e mestras de Infantil e Primaria e 25 docentes de Secundaria nun claustro de 64 persoas secundaron a folga e por tanto afirmar que a mobilización non se notou é simplemente un falseamento da realidade".
"Tratamento das noticias claramente partidista"
"O goberno galego fixo unha manipulación vulgar e descarada dos medios de comunicación públicos, procurando un tratamento das noticias claramente partidista e non obxectivo, tentando así enviar unha mensaxe totalmente distorsionada da incidencia da folga", consideran desde a CIG-Ensino ao respecto do acontecido no CPI Tomás de Lemos.
O sindicato nacionalista considera que a TVG, para "minimizar" o impacto da folga no ensino, "centrou" a súa información nos "escasos centros" onde o seguimento da mesma foi máis reducido e que se "limitou" a recoller opinións do profesorado que non secundou a folga e de pais e nais favorábeis ao decreto.