Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POSICIONAMENTO

O persoal investigador do ILG pídelle a Feijoo que retire as bases do decreto

Manifesta a preocupación xa que os plans do Goberno “representarían unha involución no proceso de normalización”

Redacción - 11:01 29/01/2010
Tags:

Ofrecémoslle o contido íntegro da carta remitida a San Caetano:

Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia,

Á vista das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non
universitario de Galicia presentadas pola Xunta de Galicia o pasado 30 de decembro, os investigadores do  Instituto da Lingua Galega dirixímonos a vostede para lle manifestar a nosa preocupación polas consecuencias negativas que este conflito ten para o status da lingua galega, facendo nosa en todos os seus aspectos a análise elaborada pola Real Academia Galega e feita pública o día 16 de xaneiro. 

Consideramos que o novo decreto, a teor das Bases publicadas, representaría unha
involución no proceso de normalización da lingua galega. A súa aplicación faría imposible que a maioría dos alumnos e alumnas poida chegar a ter competencia comunicativa na lingua propia de Galicia, co que se agravaría o déficit que xa existe na actualidade, como sinalan todos os estudos científicos, e que só é posible corrixir con medidas de discriminación positiva cara ao galego. Esta situación suporía unha seria eiva na formación dos estudantes, que dificultaría a súa capacitación futura, privaríaos do acceso ás súas raíces culturais e limitaría a súa proxección cara aos ámbitos de lingua portuguesa.

Esta nova política lingüística da Xunta de Galicia é cuestionada con serios argumentos
xurídicos por un numeroso equipo de xuristas, e no ámbito educativo provoca enfrontamento e conflito. Por estas razóns é rexeitada de maneira unánime polos diferentes colectivos implicados nestas etapas do ensino (pedagogos, profesores, pais e alumnado) e pola sociedade en xeral, como se fai evidente polos numerosos pronunciamentos contrarios a esta norma e se plasmou na multitudinaria manifestación que tivo lugar o pasado día 21 de xaneiro en Santiago de Compostela.

Por todo isto, instámolo a volver ao consenso que presidiu a política lingüística en
Galicia desde a promulgación da Lei de normalización lingüística ata a aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega. Animámolo a desenvolver as medidas de normalización real da lingua previstas neste plan, o cal expresa a vontade política unánime dos representantes da cidadanía galega nunha altura en que o seu partido tiña maioría absoluta no Parlamento Galego e en que vostede mesmo era un dos máximos representantes do Goberno de Galicia.
 
Persoal investigador do Instituto da Lingua Galega
Universidade de Santiago de Compostela
 


4,22/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: