Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Delegación galega en Bruxelas

O Parlamento Europeo podería visitar a ría de Vigo logo de ouvír as queixas pola estación de augas residuais do Lagares

A Comisión Europea "ten coñecemento" das denuncias presentadas ante as autoridades xudiciais españolas polos obras de recheo no Areal.

Redacción - 11:15 29/01/2010
Enseada de San Simón

Enseada de San Simón

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo estudará a posibilidade de visitar a Ría de Vigo para coñecer de primeira man as denuncias dos afectados pola estación de augas residuais urbanas do Lagares, na cidade de Vigo, expostas esta quinta feira en Bruxelas pola Plataforma pola Defensa da Ría.

Os denunciantes queren que a Comisión Europea (CE) realice un novo estudo técnico sobre os vertidos e que se suspenda o financiamento comunitario concedido para a construción da depuradora. Bruxelas considera "notorio" que existe unha infracción e espera tomar unha decisión antes do verán.

A CE xa lle notificou ao Estado en novembro de 2008 un ditame motivado, último paso no procedemento de infracción antes de acudir aos tribunais, por incumprimento da directiva sobre augas residuais.

Durante a súa intervención na Comisión de Peticións, o representante dos afectados pola depuradora, Daniel Pequeño Prado, debullou os riscos que para o sector pesqueiro e marisqueiro supón un proxecto que se realizou, dixo, "sen control" e que, ademais de causar molestias aos veciños, incumpre varias directivas ambientais e afecta a praias de Samil.

Serxio Regueira, membro da Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo -que agrupa uns 70 colectivos sociais e do sector do mar-, falou da ameaza para un espazo natural "único" onde se produce un dos mellores mariscos, principal fonte de ingresos dos habitantes da zona, dado que xera sete mil postos de traballo directos.

Regueira pediulle tamén á comisión parlamentaria analizar todo o conxunto de actuacións "irresponsábeis" noutros municipios lindeiros que están a contaminar a Ría e denunciou a "especulación urbanística" que pon en perigo a sustentabilidade da zona. Criticou, neste senso, as obras do Porto de Vigo.

Críticas á Autoridade Portuaria

Antonio Lores-Francia, da Plataforma para a conservación da Enseada de San Simón, mostrou unhas diapositivas co estado actual da enseada logo das obras do Porto de Vigo. Para este colectivo a Autoridade Portuaria pecou de "improvisación", de carecer dun plan de usos e de converter o litoral nun "disparatado" polígono industrial.

O representante da dirección xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, José Manuel Servert, recordou que Bruxelas instrúe dous procedementos contra o Estado por infracción da directiva comunitaria sobre tratamento de augas residuais e que, no caso da aglomeración de Vigo, notificou en novembro de 2008 un ditame motivado.

Polo que respecta aos traballos de recheo que se desenvolven no Areal, sometidos a unha paralización preventiva por parte do xulgado, o representante do Executivo comunitario subliñou que a CE ten coñecemento das denuncias presentadas ante as autoridades xudiciais españolas e que, neste momento, unha denuncia de Bruxelas "non presenta un valor engadido" ao estar o caso sub iudice.

Tres grupos parlamentarios apoiaron a petición: Os Verdes-ALE -onde está integrado o BNG-; a GUE -onde está integrado IU- e o PSE -onde está integrado o PSOE-. Compareceron, respectivamente, a deputada danesa Margrette Auken (autora do informe sobre a construción inmobiliaria española); Willy Meyer, vicepresidente da Comisión de Peticións do PE; e Miguel Ángel Martínez, vicepresidente do Parlamento Europeo.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: