Os veciños falan de catástrofe ecolóxica mentres que a Xunta e o Concello de Vigo aseguran que tanto a canle fluvial como a praia de Samil están limpos.
A bandeira verde ondea xa dende esta mañá na praia de Samil, para informar aos bañistas de que as augas están xa limpas de toda contaminación. Así o aseguraron 'in situ' o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e mailo alcalde, Abel Caballero, que deron así por concluída a crise ambiental derivada do incendio da fin de semana no polígono industrial de O Gorxal. As análises, dixeron, "garanten con rotundidade que o río Lagares e Samil recuperaron o seu estado de normalidade".
Segundo os datos da consellaría, o vertido estaba composto unicamente por lixivia, hipocloruro e deterxentes, o que provocou a morte de milleiros de peixes. En total, retiráronse do areal 230 mil litros de espuma, provocados pola alta concentración de xabón na auga.
Indignación veciñal
A Federación de Asociacións de Veciños de Vigo xa se adiantou a culpar ao concello de Vigo da "catástrofe ecolóxica", por non actuar contra as empresas que habitualmente realizan verteduras ao curso fluvial. Este colectivo xa denunciara en reiteradas ocasións estes vertidos, así como que as empresas realizaban baldeos e baleirado de tanques directamente a un regueiro próximo ao Lagares. Por iso, agora achacan ao desinterese municipal a repercusión que agora tivo este suceso. A este extremo xa se pronunciou Manuel Vázquez, quen dixo que Medio Ambiente leva dous meses traballando coordinadamente co concello para eliminar os vintecatro puntos detectados de verquidos contaminantes no río Lagares.
Doutra banda, os veciños tamén critican que as instalacións do polígono non cumpren a normativa contra incendios, que se atopa no medio dun núcleo residencial e que almacenaban produtos nocivos e contaminantes sen licenza.
Sen licenza municipal
Precisamente o alcalde de Vigo confirmou hoxe que só unha das firmas das que compartían a nave na que se orixinou o incendio tiña licenza de actividade. Asegurou que a empresa QuimiZor, onde se orixinou o incendio, ten en vigor unha licenza para almacenamento de deterxentes, porén "non aparecen" as licenzas de actividade doutras dez empresas que tiñan instalacións nesa nave.
Os técnicos de urbanismo confirmaron a existencia de danos serios e irreversíbeis na estrutura da nave incendiada. A súa parte superior xa foi derrubada e agora pedirase permiso á autoridade xudicial para botar abaixo un dos muros laterais e unhas pranchas sobre as que pesa o perigo de derrube, segundo informou Abel Caballero.