Desestima o recurso que presentou a Autoridade Portuaria e agrava as acusacións iniciais de prevaricación e delito ecolóxico sobre os responsábeis políticos.
Vista do Porto de Vigo
O proxecto de Corina Porro de ampliar o porto de Vigo levou un serio revés no eido xudicial. O Xulgado de Instrución número 6 da cidade desestimou o recurso que presentara a Autoridade Portuaria contra a paralización cautelar das obras no novo porto do Areal. A xuíza ratifica así o auto que emitira hai un par de semanas e amplía as acusacións iniciais de prevaricación e delito ecolóxico “a todos os órganos da Autoridade Portuaria implicados na tramitación do proxecto”.
Dende a Autoridade Portuaria, Corina Porro xa adiantou que “están traballando nun recurso de reposición” para recorrer ante a Audiencia Provincial (para o que teñen un prazo de cinco días) e lamentou os que considerou “graves prexuízos que se van ocasionar cunha paralización que se estima en torno a cinco ou seis meses”.
O proxecto pretende gañar uns 90 mil metros cadrados nos peiraos comerciais, dos que 49.200 corresponden á primeira fase paralizada. Os escollos do túnel do AVE estaban a ser a materia prima do recheo e a obra foi paralizada o pasado día 7. Pola súa parte, a Autoridade Portuaria insiste en que a obra provocará “un impacto ambiental ínfimo, tanto polas súas dimensións como pola solución adoptada no proxecto construtivo”.