Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Un ano despois do masacre na zona

Proposta práctica para a nova diplomacia da UE: por que non visita Gaza?

Unha ducia de colectivos sociais europeos envíalle un informe á responsábel de Exteriores da UE, urxindo á presión sobre Israel en favor do pobo palestino.

Redacción - 11:00 22/12/2009

"Non poñan máis escusas". Sublíñao o informe asinado por máis dunha ducia de asociacións defensoras dos dereitos humanos na Unión Europea. De xeito conxunto acaban de enviarlle o documento á oficina de Catherine Ashton, a nova responsábel de Exteriores da Unión Europea. "Non houbo nin recuperación nin reconstrución", denuncian, recordando a grave situación en Gaza despois dos ataques do exército israelí hai agora case un ano.

Amnistía Internacional, Intermón-Oxfam, Terre Solidaire ou United Civilians for Peace son algúns dos colectivos que impulsan esta proposta formal á Unión Europea a tomar cartas no asunto. Na análise enviada a Ashton recordan que o problema "non é a falta de determinación da xente de Gaza" ou nin sequera o volume de recursos económicos postos a disposición da tarefa pola comunidade internacional. A realidade é que o bloqueo israelí sobre Gaza impide que a poboación, as organizacións humanitarias ou mesmo o persoal das Nacións Unidas que traballan na zona poidan despregar traballos tan básicos como os relacionados coa garantía de auga potábel ou electricidade. Algo fundamental como é o cemento ou o vidro para os traballos de reconstrución é case imposíbel de levar á zona.

Por este motivo, convidan a que os xefes de Estado da UE e en especial a nova Alta Representante para Asuntos Exteriores e Seguridade da UE, a británica Catherine Ashton, quen nunha recente intervención no Europarlamento xa se referiu criticamente á actuación israelí, a que visiten a zona para comprender "o impacto do bloqueo" e realicen as xestións necesarias para virar a situación. En principio, a diplomacia da UE deixou para xaneiro ou febreiro a visita. Así e todo, e aínda que a coalición de colectivos subliña que a responsabilidade principal no grave escenario débese á acción de Israel, advirten tamén que o informe achega exemplos "de como as propias tensións entre a Autoridade Palestina e Hamás" obstaculizan en moitas ocasións a mellora das condicións da vida da poboación.

Na web de Amnistía Internacional poden atopar o informe completo: Failing Gaza (.pdf)


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: