Porén, semella difícil que o Consello de Seguridade autorice que se aclare o sucedido debido á oposición de Israel e EUA.
Xa hai unha resolución non vinculante para que se investiguen as acusacións de crimes de guerra en Gaza. O texto contou con 114 votos a favor, 18 en contra (entre eles Israel e EUA) e 44 abstencións. A proposta que partiu de países árabes é a consecuencia dun controvertido informe de 575 páxinas que encargou o Consello de Dereitos Humanos da ONU.
O informe criticaba a ambos bandos polo grave conflito que tivo lugar entre decembro de 2008 e xaneiro de 2009. Durante a desigual guerra morreron máis dun milleiro de palestinos e 13 israelís. O documento é especialmente crítico con Israel, que se negou a colaborar cos investigadores.
Na resolución aprobada esta semana, demándanlle que envíe o informe ao Consello de Seguridade da ONU. Porén, que siga adiante semella difícil xa que cinco membros permanentes teñen dereito a veto e opóñense a que o consello se involucre na investigación.
Un bo exemplo da situación é que ademais de Israel e EUA, Italia, Holanda, Polonia e a República Checa decidiron votar contra a resolución. Estados como Reino Unido e Francia optaron pola abstención.