Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Autodeterminación

'Sobre nós, decidirmos nós. Soberanía é democracia'

Causa Galiza maniféstase en Compostela este domingo 6 de Nadal, Día da Constitución, por terceiro ano consecutivo.

Redacción - 18:00 01/12/2009
Conferencia deste martes (ampliar)

Conferencia deste martes (ampliar)

A plataforma Causa Galiza convocou para este domingo 6 de Nadal en Compostela unha manifestación baixo o lema Sobre nós, decidirmos nós. Soberanía é democracia. A cita reivindicativa, que se organiza por terceiro ano, vai incluír un xantar popular e un concerto, e acompáñase dunha campaña informativa por todo o país.

Bráulio Amaro, Pedro Alonso e Charo Lopes, en representación da Portavocía de Causa Galiza, foron os encargados de presentar os actos nunha conferencia de prensa organizada este martes na capital galega.

Amaro lembrou que hai 31 anos en Galiza "foi secundada amplamente a abstención" á Constitución española, e salientou o "carácter antidemocrático" deste texto, "fundamentalmente porque nega o dereito á autodeterminación".

A marcha, que partirá ás 12.00 horas da Alameda e finalizará na praza do Toural onde se lerá un manifesto e actuarán o grupo Bouba Pandereteiras e un quinteto tradicional, vai reclamar -como en ocasións anteriores- a soberanía nacional para Galiza.

Xantar popular e concerto

Como novidade, este ano a manifestación vén acompañada de "actos reivindicativos e lúdicos con contidos na liña do dereito de autodeterminación que permitan que acuda máis xente". Deste xeito, vaise organizar un xantar popular na carballeira de Santa Susana que comezará contra as 15.00 horas.

Os bonos para participar na comida teñen un prezo de 12 euros e están á venda nos centros sociais do país. Tamén se han poder adquirir ao remate da manifestación en caso de non se ter esgotado. Ademais, ao longo da tarde proxectarase un especial audiovisual do colectivo GZvídeos e haberá unha foliada coa participación de Bouba Pandereiteiras.

Para rematar, a partir das 19.30 horas actuarán os grupos musicais de Homes sem Medo, Leo e Arremecaghona!!!, Ultraqäns, Ataque Escampe e Mini e Mero.

Críticas ao Concello de Santiago

Por outra banda, a plataforma criticou a actitude do Concello de Compostela que "persegue os militantes de Causa Galiza" ademais de "imposibilitar cesións de pavillóns e sitios cubertos" que están a disposición da cidadanía. "O señor Bugallo non nos vai desanimar para exercer o noso dereito a nos manifestar", declarou Amaro.

A manifestación do domingo é a culminación dunha campaña divulgativa sobre a autodeterminación que se está a facer por todo o país, con asembleas nas comarcas de Ourense, Lugo, A Coruña, Barbanza, Pontevedra, Ferrol, Compostela, Caldas-Tabeirós, Condado, Limia e Vigo.

Ademais, Causa Galiza informou de que se vai publicar material destinado ao traballo de difusión da proposta nunha "campaña prolongada en favor da autodeterminación do noso país", que conta coas mesas informativas que xa se están a realizar por toda Galiza.


Ligazóns

4,32/5 (37 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: