A plataforma xuntou unhas 150 persoas en Compostela pedindo a autodeterminación para Galiza.
A pesar da choiva, unhas 150 persoas acudiron á concentración convocada por Causa Galiza en Compostela para visibilizar o movemento soberanista de esquerdas galego, nunha xornada de reivindicación da autodeterminación e de rexeite á Constitución española, que este sábado cumpría 30 anos.
A concentración comezou por volta das 13:30 horas na praza do Toural en Compostela, e durante a mesma repartiuse un comunicado (en .pdf), elaborado pola entidade e que foi lido polo traballador do metal vigués Karlos Barros. A escolla dun "membro da clase obreira galega" non foi casual, xa que este ano as reivindicacións do colectivo baseábanse en denunciar as políticas que durante anos diversos partidos, esgrimindo a Constitución española, aplicaron "favorecendo o modelo económico imperante, o capitalismo" e "favorecendo tamén ás grandes entidades financeiras e ás elites empresariais, axudando á concentración e centralización de capitais e o fortalecemento do carácter centralista do Estado", en detrimento da "clase traballadora galega".
Lembráronse tamén os "ataques máis recentes", como a "desfeita do Prestige, o TAV, o porto exterior da Coruña, o plan acuícola, o eólico, a privatización dos servizos públicos, a campaña polo bilingüismo...", e da "necesidade" de que o pobo galego se dea conta do que a autodeterminación e o "exercicio da soberanía nacional" pode facer por el.
Máis noticias deste día: