Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Resucita o debate

Pachi Vázquez ve "normal" que A Coruña teña topónimo "bilingüe"

O secretario xeral dos socialistas cre que a corporación herculina debe decidir se se oficializa o nome deturpado da cidade.

Redacción - 18:40 28/09/2009
Os concelleiros do PP coruñés xa amosaran nun pleno o seu apoio ao topónimo castelanizado

Os concelleiros do PP coruñés xa amosaran nun pleno o seu apoio ao topónimo castelanizado

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, non vería mal que A Coruña tivese como topónimo oficial tamén a versión deturpada en castelán se hai "consenso" no pleno municipal. Malia isto, criticou o PP por "reabrir un debate de hai 20 anos".

Lembrou que a vixente Lei de Toponimia foi aprobada por un goberno do PPdeG e que "o topónimo actual" o puxeron os populares. Vázquez pronunciouse sobre o tema a raíz dunhas declaracións do alcalde da Coruña, Xavier Losada, que se amosou partidario de "legalizar" o topónimo castelán. En declaracións ao xornal El País, o rexedor lembrou que quen puxera o asunto sobre a mesa fora o voceiro do PPdeG no concello coruñés, Carlos Negreira, "con evidente desautorización" por parte do seu partido.

Manuel Vázquez asegurou que calquera cambio sobre o topónimo "debería ser froito dun consenso cidadán e non dun debate artificial" pero que o PSdeG non tería "ningún problema" en aceptar o nome castelanizado, porque Galiza "ten dúas linguas oficiais" e "ter os topónimos nas dúas sería unha cousa absolutamente normal". En calquera caso, asegurou que o principal problema da Coruña non é "chamarse dun xeito ou doutro".

Despois de afirmar que "entende" tanto a postura do BNG como do PPdeG, Vázquez concluíu que "nós cremos que temos dous topónimos" e apostou por "buscar o consenso nun país bilingüe", aínda que a última palabra teraa a cidadanía da Coruña, a través dos seus representantes políticos. Sobre como se oficializará a versión en castelán, o secretario xeral do PSdeG pasoulle a bóla ao PPdeG, que foi o que "oficializou o topónimo A Coruña".

Reacción do BNG
O voceiro do Grupo Parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, contrapuxo a actitude do PSdeG, que por unha banda apoiará a manifestación do 18 de outubro a favor da lingua galega co feito de que o alcalde da Coruña apoie a forma con 'L'.

Aymerich advertiu de que "o señor Losada sabe que iso suporía romper o consenso" en materia lingüística e preguntouse se haberá un pacto entre socialistas e populares sobre o topónimo, como o houbo "co Consello de Contas ou como se está a ver coa Lei do Solo". O voceiro nacionalista lembrou que o acordo entre o PSdeG e o BNG no Concello da Coruña estabelece un "compromiso coa legalidade lingüística".


2,07/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: