O Tribunal Supremo notificou unha nova sentenza contra o Concello herculino. A institución xudicial reitéralle ao goberno municipal que a denominación oficial da cidade é "A Coruña". Os xuíces subliñan que a "única forma oficial" do topónimo é a galega. A resolución é un novo paso despois de catorce anos de litixio xudicial aguilloado polos gobernos locais coruñeses. O presidente da Mesa, Carlos Callón, exíxelle ao presidente da Xunta que non ampare a "delincuentes".
Esta semana deuse a coñecer que o Tribunal Supremo volvía a desestimar un recurso interposto polo goberno coruñés con respecto ao topónimo da cidade. A Mesa sinala que o recurso revogado tamén pretendía "que se tirase abaixo a Lei de Normalización Lingüística, a través dunha cuestión de institucionalidade. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, manifesta que "hai dúas voces que a cidadanía debe ouvir despois desta nova sentenza xudicial: a de Javier Losada e a de Emilio Pérez Touriño". Callón sostén que o presidente da Xunta non pode ser "valedor de delincuentes, aínda que sexan do seu mesmo partido político".
A Mesa esíxelle ao Concello da Coruña que ofreza datos veraces sobre os gastos reais que lle está ocasionando ás arcas municipais esta loita teimuda contra o galego e as leis vixentes. "Desde a Mesa estimamos que neste litixio, que leva xa catorce anos de duración, o Concello enterrou millóns de euros", di Callón. Por iso, sostén que o actual alcalde, Javier Losada, só ten a opción de aceptar a senteza ou volver á pelexa "irracional" abandeirada polo anterior rexedor Francisco Vázquez.