Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza e homenaxe

San Simón recupera a memoria outro 18 de xullo

Colectivos a prol da recuperación e da divulgación da memoria histórica reúnense na illa, onde tamén lembrarán as vítimas da represión.

Redacción - 09:30 18/07/2009

Colectivos pola recuperación e a divulgación da memoria histórica xúntanse este sábado na Illa de San Simón para tomar contacto e renderlles homenaxe ás vítimas da represión franquista. De feito, o lugar e a data son ben simbólicos: o do comezo do golpe de estado de 1936 e o lugar que se converteu en cárcere para xente republicana dende aquel momento.

Dende o ano 2006, véñense xuntando, arredor desta data e no mesmo lugar, colectivos e asociacións culturais que converteron a illa nun espazo simbólico e referente para a recuperación da memoria histórica en Galiza. Deste xeito, este 2009, asociacións a prol da memoria, investigadores e investigadoras e membros do Consello Pola Memoria manterán unha reunión ordinaria para tratar temas de actualidade e, ademais, impulsar unha sinxela homenaxe coas persoas represaliadas.

Está previsto que cheguen á illa arredor das 11 da mañá. Segundo explicou Rubén Afonso Lobato, do Comité para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, farase unha valoración da situación social e institucional da recuperación e da divulgación da memoria histórica, dos seus proxectos e das carencias, como o proceso de exhumacións ou a simboloxía franquista que aínda existe. Por volta das 13 horas terá lugar a homenaxe ás vítimas.
Como cada un dos colectivos ten a súa propia axenda, segundo as súas prioridades a nivel local, a xuntanza servirá como posta en común.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: