O documental Aillados, que describe o campo de internamento para presos políticos que o franquismo instalou na Illa de San Simón, na ría de Vigo, poderá ser visto en 17 vilas e cidades galegas. Esta iniciativa é parte das actividades do Ano da Memoria 2006 para dar a coñecer e homenaxear as persoas que sufriron a represión franquista. Ao remate das proxeccións terá lugar un debate no que participarán o director e antigos presos na illa.
Aillados, do director Antonio Caeiro, analiza as condicións de vida e a historia do cárcere para presos políticos que o franquismo creou na Illa de San Simón tras o golpe de estado de 1936. O documental recupera as testemuñas dos supervivintes deste tráxico episodio, traendo ante nós ós protagonistas da historia máis sinistra e recente destes illotes unidos por unha fermosa ponte de pedra. Desde 1936 a 1943 centos de persoas chegaron á Illa de San Simón, moitos deles non voltarían xamais á ribeira. Os fusilamentos, a enfermidade, a inanición, a tortura e a desesperación foron acabando con eles, poucos foron os que sobreviviron a ese campo de concentración da ría de Vigo.
Aillados foi un proxecto de investigación no que participaron ademais, Xoán A. González e Clara Mª de Saá, para a realización dunha reportaxe documental centrada nese período escuro das illas. A idea da cinta xurdíu cando Antonio Caeiro coñeceu a historia común de varios presos galegos recluidos en San Simón durante a Guerra Civil e decide gravar a súa testemuña. O documental usa a metodoloxía de historia oral, a historia contada polos seus protagonistas. Durante os longos oito anos que durou a investigación recolleuse moita información gráfica e escrita e co fin de que non volvesen a quedar no olvido decidiuse editalo nun libro que, baixo o mesmo título de Aillados e co subtitulo de A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón, foi publicado pola editorial Ir Indo. Agora estrease a versión definitiva deste documental, que leva ás costas trece anos de traballo desde o inicio das investigación en 1987. Horas e horas de gravación de testemuñas foron perfilando a historia desenvolvida na illa durante a súa utilización como colonia penitenciaria polo exercito nacional.