Pasarán a noite en pavillóns de Valga, Pontecesures e Padrón para chegar este martes a Compostela, onde reclamarán á Xunta que adopte unha postura máis activa na negociación.
A marcha continuará este martes camiño de Santiago
A estrada N-550, entre Pontevedra e Padrón, rexistrou este luns algunhas retencións por mor da peregrinación que os traballadores do metal iniciaron cara Compostela. Os folguistas ocuparon ao longo de toda a xornada unha parte da calzada, o que provocou algún atasco que, con todo, non tivo maior repercusión. Son dous milleiros de operarios que saíron camiñando dende Pontevedra a primeira hora da mañá. Logo de parar para xantar en Caldas de Reis, a comitiva seguiu o horario previsto e pasará a noite en diferentes pavillóns habilitados en Padrón, Valga e Pontecesures.
Non obstante, o gran día da mobilización será este martes, cando os traballadores cheguen a Santiago de Compostela. Cos seus monos de traballo e logo de iniciar o camiño ben cedo, dirixiranse cara ás instalacións da Xunta de Galiza, a onde contan con chegar sobre as dúas do mediodía. Reclámanlle á administración que adopte unha postura máis activa na negociación para poñer fin á folga, que chega este luns a súa décimo novena xornada.
O BNG acusa á xunta de estar do lado da patronal
O deputado nacionalista, Henrique Viéitez acusa ao goberno galego de "tomar parte" no conflito do sector cun posicionamento próximo á patronal. Ademais, censurou a "falta de coordinación" entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e a conselleira de Traballo, Beatriz Mato. Na mesma liña, Viéitez cualificou de sangrante que, logo de 19 días de conflito, "non haxa unha actuación decidida por parte do goberno na negociación".
Finalmente, o nacionalista lamentou as declaracións de Mato nas que esta fin de semana "advertía aos traballadores que se non volvían aos seus postos de traballo irían á rúa e laiándose pola situación persoal do multimillonario galego Manuel Jove, debido ao conflito de Caramelo".