Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONTINÚA A FOLGA INDEFINIDA

Máis de dous mil obreiros do metal peregrinan cara Compostela

A marcha iníciouse este luns en Pontevedra, e ten o obxectivo de chegar a Compostela o vindeiro martes, día último marcado pola Xunta para que as partes en conflito, sindicatos e patronal, lle dean o visto e prace á súa oferta.

Redacción - 13:00 29/06/2009

13h00: Chegando a Caldas de Reis
Por volta das 13h00 perto de dous mil operarios do sector metalúrxico da provincia de Pontevedra, segundo cifras dos sindicatos, ían chegando a Caldas de Reis. Todo discorría segundo o previsto polos folguistas, que este luns decidiron mudar a súa estratexia, para demandarlle á Xunta, con esta gran marcha, unha actitude máis activa na resolución do conflito creado arredor da aprobación do novo convenio do sector, que se alonga xa case tres meses.

A marcha está  a crear abondos problemas de tráfico na N-550, entre Pontevedra e Caldas, e está previsto que estes se prolonguen durante a tarde, no camiño cara Padrón.

Mentres, as posturas entre patronal e sindicatos seguen estando moi afastadas. Os sindicatos acusan os empresarios de manter unha actitude intransixente en canto á suba salarial, seguindo os ditados da CEOE, para que o conflito non se estenda a outros sectores do Estado onde tamén se están a renegociar convenios. Porén, os empresarios rexeitan estar baixo os ditados da Confederación Española de Organizacións Empresariais, e sinalan que nas negociacións van chegar "até onde poidan", recalcando que "tamén se pode vivir sen convenio". Ámbalas dúas partes deben presentarlle a súa postura final á Xunta o vindeiro martes, data na que os operarios mobilizados chegarán a Compostela.

09h00: Comeza a marcha

Camaradaría, compañeirismo, bo humor e, por suposto, defensa dos dereitos laborais. Estes son os ánimos cos que os obreiros do metal da provincia de Pontevedra asomen a última das súas convocatorias de protesta. Este luns, ás oito da mañá sairon 40 autobuses dende a Praza do Concello viguesa para dirixirse cara Pontevedra, onde comezou a marcha.

Segundo os datos confirmados até o de agora pola CIG, uns dous mil obreiros xa se inscribiron para sumarse a esta convocatoria. A esta cifra hai que engadir os operarios que mobilizarán tanto CCOO como UXT, que tamén apoian a iniciativa, unha cantidade que se agarda que supere as 100 persoas.

Unha vez en Pontevedra, cara ás 09h00 comezou a peregrinación a Compostela. Aos máis de dous mil manifestantes procedentes de Vigo sumaranse os obreiros de Pontevedra, e iniciarán o camiño dende as proximidades do Estadio de Pasarón. Ademais, está previsto que durante a ruta se sumen outros operarios do metal doutros concellos pontevedreses, polo que é moi probábel que a cifra ascenda até os 2.500.

O obxectivo é chegar até Caldas de Reis cara ao mediodía, onde se parará a xantar, e durmir en Padrón. Para a ocasión xa se habilitaron diferentes pavillóns situados na comarca, ben en Valga, Cesures ou o propio Padrón. O martes será o día da peregrinación final, xa que o obxectivo é chegar até Compostela ás 14h00, cando se manifestarán perante as instalacións da Xunta de Galiza, en San Caetano.


Ligazóns

4,73/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: