O cadro de 87 empregados da central térmica de Sabón están en alerta logo de que Gas Natural puxese á venda a planta.
Varias decenas de traballadores de Fenosa manifestáronse este xoves en Santiago de Compostela ante as instalacións da Xunta, en San Caetano. Baixo a convocatoria da CIG, maioritaria na eléctrica, os membros do cadro de persoal denunciaron que a venda da central térmica de Sabón non é unha necesidade da empresa nin obedece, como se dixo nun primeiro momento, a unha obriga exixida pola Comisión Nacional da Competencia (CNM). Temen pola situación na que queden os 87 traballadores empregados directamente, ademais dun total de 1.500 que traballan noutros centros de toda Galiza.
Unha venda a tres bandas
Na operación de compra de Unión Fenosa por parte de Gas Natural, a CNM estabelecera a necesidade dun programa de desinvestimentos, fixando a exixencia para os compradores de desfacerse dun equivalente de dous mil megavatios en centrais de ciclo combinado e duns 600 mil clientes da área de comercialización de gas. Así, a compañía decidiu desprenderse de dous grupos en Tarragona, cunha produción de 800 megavatios; un en Alxeciras de 400 e o centro de Sabón, doutros 400 megavatios de produción.
Con todo, Gas Natural informaba o pasado mes de abril da súa intención de poñer á venda, ademais, a central térmica de Sabón, unha operación que dende a CIG entenden que non é máis que "un desexo de facer caixa". Esta transacción, na que podería estar implicada a rusa Gazprom, podería provocar a perda dos 87 postos de traballo, ademais do persoal subcontratado. Mentres, o resto de persoal mantería o seu traballo na central de ciclo combinado, xa que a propia lexislación obriga á empresa que adquira as instalacións a incorporar ao persoal xa contratado.
A día de hoxe, os representantes sindicais, aínda non saben cales van ser os traballadores afectados, xa que na central ninguén está contratado especificamente para o ciclo combinado, senón que esta é unha asignación interna. Así as cousas, a incerteza é agora dominante no cadro de persoal, que xa iniciaron unha serie de mobilizacións, entre as que se atopa a deste xoves en Compostela.