O equipo do xigante enerxético optaría así por desfacerse da factoría de ciclo combinado de Arteixo dentro do plan de desinvestimentos imposto por Competencia.
Apenas catro días despois do inicio do proceso formal de fusión por "absorción" co que Fenosa pasa a formar parte de Gas Natural, confírmase un dos ruxerruxes da afectación que esta operación no sector enerxético vai ter en Galiza. Deste xeito, e segundo puido saber Vieiros este mesmo luns, a empresa comunicoulle a representantes dos traballadores que a central coruñesa será vendida. Así mesmo, mantense a incerteza sobre a posición na que queda o cadro de empregados.
A Comisión Nacional da Competencia (CNC), estabelecera a necesidade dun programa de desinvestimentos no marco deste proceso de fusión, fixando a esixencia para Gas Natural de desfacerse dun equivalente a 2.000 MW en centrais de ciclo combinado e de uns 600 mil clientes da área de comercialización de gas. Non houbera, até o de agora, información concreta ao respecto da posibilidade de que a central coruñesa fose unha das elixidas, nunha operación financeira pilotada para a empresa catalá por entidades banqueiras estadounidenses. Desde o contorno de Fenosa apuntan o xigante enerxético ruso Gazprom como probábel comprador da central de ciclo combinado de Sabón, de 400 megavatios.
O novo complexo de ciclo combinado de Sabón comezou a funcionar mediado o ano 2008, para substituír a central de fuel levantada por Fenosa en 1967. O investimento superou os 220 millóns de euros.