Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acordárono en asemblea, en Vigo

Os traballadores do metal saen por terceira xornada consecutiva ás rúas

Esta sexta feira todos foran ao traballo, mais nas xuntanzas decidiron desenvolver unha nova mobilización, "máis pacífica". Os únicos incidentes: retencións no tránsito.

Redacción - 11:15 22/05/2009
Na asemblea despois dos disturbios, esta quinta feira

Na asemblea despois dos disturbios, esta quinta feira

11h00: O metal sae en "pacífica" manifestación
Por volta das 11h00 da mañá, os operarios do metal na ría de Vigo, saíron en manifestación pola Avenida de Beiramar, recollendo máis compañeiros en cada unha das factorías, tras decidilo, a primeira hora, nas asembleas. Non había convocatoria oficial, polo que a mobilización é menos numerosa que a dos pasados días.

Esta sexta todos os traballadores habían volver reanudar a súa xornada laboral, mais acudiron ás asembleas, a primeira hora, e nelas decidiron volver mobilizarse, para borrar a imaxe violenta que deles se deu nalgúns medios de comunicación. A idea é desmentir "rotundamente" esta consideración dos traballadores e traballadoras do metal, polo que os sindicalistas pediron que a manifestación fose pacífica. Os únicos incidentes: varias retencións dalgúns camións e turismos en Beiramar.

10h30: Protestas "máis tranquilas" para esta sexta feira

O 21 de maio desenvolveuse na comarca de Vigo, mais tamén na cidade de Pontevedra, a cuarta xornada non consecutiva da folga do metal, na que se volvían reivindicar varias melloras salariais e laborais no convenio colectivo. O obxectivo era cortar oito puntos dos principais accesos á cidade de Vigo, e mesmo bloquear a peaxe de Pontevedra en Vilaboa, e a A55 dirección O Porriño. Quería ser unha nova demostración de forza dos traballadores e traballadoras que terminou sendo unha batalla campal, ao sucedérense varias cargas da policía española motivadas, segundo os sindicatos, pola presión da patronal. Porén, os traballadores demostraron que o sector do metal que está disposto a dar batalla por un convenio xusto, e volveron dar unha boa mostra de organización e forza.

A mañá terminou cunha asemblea xeral dos traballadores, no estaleiro de Barreras, así se retiraron os antidisturbios, que mantiveran, toda a mañá, unha actitude violenta cos manifestantes. A última hora da mañá, a policía española seguía cargando en varios puntos da cidade, e lanzando pelotas de goma e botes de fume contra os operarios que se mantiñan tras unhas barricadas, por eles mesmos elaboradas, arredor de Barreras. A loita, dun e doutro lado da estrada, estendeuse durante horas, mais terminou por volta das 13h45, cando os axentes se retiraron e os operarios se agruparon para decidir que facer. Á tarde desenvolveron aínda outra asemblea xeral, na que se organizaban as xuntanzas para a sexta feira, nas que se había decidir se desenvolver novas mobilizacións.

Tras as situacións de violencia vividas esta quinta feira, na sexta de mañá, sindicatos e traballadores desenvolven asembleas nos distintos estaleiros da ría de Vigo, nas que os tres principais sindicatos, UXT, CCOO e CIG, decidían se endurecen ou non as protestas. Porén, tras terminarse a primeira xuntanza da mañá, desenvolvida en Barreras, os traballadores decidiron desenvolver mobilizacións "máis tranquilas", por petición dos sindicatos.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo, elaborado por GzVídeos, sobre os enfrontamento entre a policía española e os obreiros do metal

Imaxes dos enfrontamentos entre policía española e operarios, na Avenida de Beiramar e fronte os estaleiros de Barreras / CIG
Imaxes dos enfrontamentos entre policía española e operarios, na Avenida de Beiramar e fronte os estaleiros de Barreras / CIG