A última hora deste xoves teñen unha reunión na que decidirán as medidas que tomarán nos seguintes días, sendo posíbel que se repitan as xornadas de folga.
Os representantes sindicais do sector metalúrxico da provincia de Pontevedra celebraron este xoves unha asemblea en que anunciaron que as cargas policiais sufridas polos traballadores que se manifestaban “van ter resposta”. Atribuíron esta reacción á demanda da patronal de que as forzas de seguridade actuasen contra eles. A xuntanza celebrouse no estaleiro Barreras, e a última hora da xornada haberá unha reunión entre os representantes dos tres sindicatos en que se decidirá que medidas se tomarán nos vindeiros días.
En nome da CIG falou Antolín Alcántara subliñando a demostración de “forza” que deron os traballadores esta mañá. Alcántara dixo que “en contra do que presentan algúns medios, as forzas de seguridade tomaron a decisión de intervir sen que houbera ningunha provocación pola nosa parte”. Na mesma liña manifestouse o portavoz de CC.OO, Ramón Sarmiento, ao cualificar de “desmesuradas” as intervencións policiais e afirmar que “se houbo alguén que se puxo nervioso foron os antidisturbios”.
Para este venres está previsto que os traballadores volvan ao seus postos, aínda que non se descarta que continúen as medidas de protesta nalgunhas factorías. O que parece claro é que nas vindeira semana volverá a haber medidas de protesta ás que, de seguir as diverxencias coas patronais, poderían mesmo sumarse os traballadores doutras empresas do sector que non se rexen polo convenio colectivo que se está negociando.
14h00 Termina a batalla campal en Vigo, e comeza a asemblea dos traballadores
Despois de tomaren a cidade a primeiras horas da mañá, cortando os principais accesos, e os puntos estratéxicos da súa rede viaria, os obreiros do metal víronse obrigados a reagrupárense na zona de Beiramar, ante as cargas da policía española. Estas comezaron a media mañá, e fixeron que os operarios, que estaban esparexidos por toda a cidade, se achegasen aos estaleiros de Barreras e Vulcano, para reorganizar os movementos.
Perto das 13h00, a Avenida de Beiramar estaba pechada con diversas barricadas, creadas por contedores de lixo e outros obxectos de obras ardendo, e os operarios atrincheirábanse en Barreras, lanzando pedras e parafusos, facéndolles fronte a máis dunha ducia de furgóns dos antidisturbios, que lles guindaban, á súa vez, pelotas de goma e botes de fume.
Por volta das 13h45 a policía retirouse, e sobre as 14h00 comezou unha asemblea xeral de traballadores no estaleiro de Barreras, que continúa arestora, e no que participan sindicalistas da CIG, UXT e CCOO. A semana que vén poderían reestabelecerse os días de paro, dado que a posición de traballadores e patronal está moi afastada, e o conflito, de cada vez, máis enquistado. O que se dedida, coñecerase así termine esta asemblea. Non se ten coñecemento de feridos, polo menos do lado dos operarios.
Nesta cuarta xornada de folga descontinua, repetíronse en Vigo episodios de enfrontamentos entre os obreiros do metal e os axentes que xa se viviran noutras ocasións. A cidadanía foi a principal prexudicada nesta xornada de paro do metal, e, segundo dixeron os sindicalistas, isto podería continuar a ser así, se a patronal segue negándose a negociar.
13h45: Máis dunha ducia de grilleiras dos antidisturbios e cargas en Vulcano
Arestora continúan os enfrontamentos entre os obreiros do metal, atrincheirados, literalmente, no estaleiro de Barreras, e os axentes. Fronte o predio do estaleiro hai máis dunha ducia de furgonetas dos antidisturbios, onde se seguen preparando para as cargas, lanzando pelotas de goma e botes de fume. Dende dentro do estaleiro, os traballadores arrebolan pedras con instrumentos improvisados.
Mentres, os enfrontamentos trasladáronse tamén fronte aos estaleiros de Vulcano. Toda a avenida de Beiramar, entre os dous estaleiros, está cortada con barricadas, elaboradas con contedores de lixo ardendo. Sobrevoa a zona un helicóptero das forzas de seguridade. O conflito foi quecendo e medrando ao longo da mañá, cando a primeira hora só había varias mobilizacións, esparexidas polas principais entradas e puntos de tránsito na cidade.
13h00: Atrincheirados no estaleiro de Barreras
Os operarios, que están esparexidos por toda a cidade, continúan tentando reagruparse. Ante o estaleiro de Barreras hai montadas varias barricadas, con contedores de lixo ardendo, que tratan de manter afastados os antidisturbios dos traballadores (observen imaxes, enviadas por un traballador a través do seu móbil). A policía lanza pelotas de goma e botes de fume contra os traballadores, que están tentando xuntarse en asemblea, para decidir como reaxir. No caso de haber detidos, xa sinalaron que han continuar coas mobilizacións e as xornadas de folga.
12h40: Non se sabe aínda se hai detidos
Os traballadores do metal seguen a reagruparse arredor dos estaleiros de Barreras e Vulcano. Perto deste último foi onde comezaron as cargas contra os manifestantes.
Segundo lle contou a Vieiros o secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral da CIG, Antolín Alcántara, que se atopaba perto dunha barricada montada perante o estaleiro de Barreras, as cargas non foron provocadas polo lanzamento de pedras, senón que foron os axentes os que comezaron a desaloxar os manifestantes das rotondas que se sitúan entre os dous estaleiros. "Despois chegarían as pedras, coma resposta", sinalou Alcántara, ao tempo que indicaba que os traballadores están "tentando reagruparse, para facer asembleas", feito que non é doado, dado que hai grupos de manifestantes esparexidos por toda a cidade, onde se trasladaron para visibilizar o conflito, que xa chega á súa cuarta xornada de paro descontinuo.
Ao ser preguntado por se coñece a razón pola cal chegaron as cargas, tras catro xornadas de folga, Antolín Alcántara lembrou que os empresarios "tomaron unha decisión política polo seu lado", sen contar con ninguén, lembrando que "esta semana xa reclamaran a presenza policial" para defendelos. Aínda non se sabe que vai acontecer nas rúas nas vindeiras horas, ou se o paro se vai prolongar alén destes dous días. Mais, segundo dixo Alcántara, no caso de que "haxa detidos, seguro que habemos seguir coa folga".
12h15: Os axentes antidisturbios cargaron, sobre as 11h30 desta quinta feira, contra un grupo de traballadores do metal en folga, que estaban a se manifestar na zona da rotonda de Guixar, en Vigo. Os traballadores supostamente estaban a lanzar pedras e os cerrados das obras contra os antidisturbios. Posteriormente, trasladáronse á rúa Sanjurjo Badía, que tamén se atopa en obras, onde, presuntamente, lanzaron máis obxectos contra os axentes.
Ao tempo, un conxunto de traballadores concentrábanse ante o edificio administrativo da Xunta en Pontevedra, onde o Goberno desenvolve a xuntanza do seu Consello semanal. Ante o predio hai unha enorme presenza policial, o que lles impide achegarse. Os traballadores levan varias pancartas nas que se pode ler "Metal en folga", e a demanda de readmisión de varios traballadores da empresa Valoriza Conservación de Infraestructuras, a filial que se encarga do mantemento e conservación da AP-9 e a AP-57, que foron despedidos.
11h30: O metal volve saír á rúa "contra a doutrina empresarial" na cuarta xornada de folga
Reivindicando a súa forza, e a capacidade de seguir mantendo o paro, até conseguir as súas arelas, milleiros de traballadores do sector do metal volveron saír á rúa na cuarta xornada de folga non consecutiva na provincia de Pontevedra. Os tres sindicatos convocantes (CIG, UXT e CCOO), din que seguen abertos a negociacións, e con vontade de chegar a un acordo coa patronal, mentres sinalan que, de continuaren así as cousas, "será peor para a cidadanía".
Mais a cidadanía aínda non se queixou, tras tres días descontinuos de cortes de tránsito nas rúas de Vigo, que esta quinta feira se foron trasladando á A55 -cortado o acceso aos polígonos industriais cara o Porriño- e á AP9 -na peaxe e nas entradas á cidade. Esta quinta feira os "cortes sorpresa" mantiñan, a primeira hora da mañá, parado o tránsito en sete puntos estratéxicos da cidade olívica, para, deste xeito, e segundo sinalaron dende os sindicatos, "diversificar as molestias causadas aos cidadáns". "Só pedimos que suban os salarios un ou dous puntos por riba do IPC, unha cousa que non pode ser un problema para as empresas. O que acontece é que a patronal estalle botando un pulso, en clave política, ao sector máis punteiro en canto a mobilizacións e reivindicacións laborais", dicíalle, a media mañá o secretario nacional de CIG-Metal, Miguel Anxo Malvido, aos micrófonos da Radio Galega.
Unha sensación de tranquilidade tensa
En Vigo, os traballadores concéntranse en varios puntos, diversificando as protestas, mais preguntándose a que está xogando a patronal, e por que este interese en que siga o conflito. Lembrando os disturbios que se rexistraron hai dous anos cando se negociaba o actual convenio, sindicalistas e traballadores sinalaban que, tal vez sexa este o xeito de chegar a un acordo coas empresas. Mais agora, na cuarta xornada de paro, o primeiro que hai que decidir e que facer a seguir, se non se dan as negociacións. Mais tamén consensuar unha estratexia común, entre os tres sindicatos, se este conflito se enquista, medra no tempo.
A revalidación do convenio aínda non ten data. Os sindicatos queren romper o que chaman "doutrina empresarial", e seguir co convenio un ano, regular a xornada, mais nin falar da conxelación salarial. Tamén denuncian a contratación irregular de traballadores, sobre todo do colectivo inmigrante, no estaleiro de Barreras, en condicións inferiores ás que marca o convenio.
Polo seu lado, a patronal pide unha vixencia de dous anos para o convenio e poder manter conxelado o poder adquisitivo dos traballadores. Tiran da crise para manterse firmes, mais os traballadores saben que nada lles foi regalado neste tempo, e que todo o gañaron na rúa, onde continúan arestora.
Este convenio afecta máis de 27 mil traballadores e traballadoras da provincia de Pontevedra, e é a norma laboral de máis de 2.500 empresas.