Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Europa, Terra de Pobos: Córsega

Tralo ronsel de Pasquale Paoli

En 1755 declarouse independente e en 1769 foi anexionada por Francia. Dous séculos despois, coa chegada dos pieds-noirs, o movemento de liberación en Córsega reaxe definitivamente.

Fernando Arrizado - 13:35 13/05/2009
Bonifaziu, no sur / Flickr: Pluca

Bonifaziu, no sur / Flickr: Pluca

O movemento de liberación corso actual remóntase a finais da década de 1950. O pobo maniféstase en masa en contra da creación por parte de Francia dun centro de experimentación nuclear perto da capital histórica, Corti.

A cidadanía rebélase por completo a principios dos 60 ante o que considera unha nova invasión francesa: a chegada dos pieds-noirs (pés negros), colonos galos en Alxeria aos que o Goberno da República financiou a súa "recolocación" na illa logo da independencia alxerina en 1962. Moitos destes fixéronse con adegas e fixeron grandes fortunas froito da produción vinícola.

Historicamente, Córsega estivo baixo o dominio de varias potencias mediterráneas, principalmente dos xenoveses co Renacemento. A rebelión contra o pésimo Goberno de Xénova en 1729 levou a un período turbulento, durante o que se orixinou o concepto de vendetta, que culminou co estabelecemento da República corsa polo líder nacionalista Pasquale Paoli.

Córsega foi anexionada por Francia en 1769, o mesmo ano en que naceu na illa un corso ilustre, para uns, e un traidor á patria, para outros: Napoleón Bonaparte. O que cos anos se convertería en emperador de Francia e o heroe nacional corso coñécense en xullo de 1790.

O primeiro, xacobino, e o segundo, máis próximo ás teses dos xirondinos, rachan relacións en 1793. Bonaparte ten que fuxir de Córsega, e logo dunha breve estancia no continente, desembarca en Aiacciu coa armada republicana francesa co fin de acabar coa revolta dos partisanos de Paoli.

Lingua

O francés impúxose como única lingua oficial en todos os ámbitos da Administración. O corsu sobreviviu como lingua oral e prohibiuse o italiano. Porén, non foi até principios do S.XX, cando se fixo obrigatorio o francés nas escolas, que a lingua propia do país comezou a declinar.

Aínda que o seu uso pouco a pouco se normaliza na educación, na actualidade cada vez menos mozos e mozas teñen o corso como primeira lingua (ou o ligur, na vila de Bonifaziu). Ademais, a tendencia é a usar o francés en ámbitos formais e o idioma propio, na casa e noutras relacións sociais.

O corso está estreitamente emparentado co toscano. Fálase en todo o territorio e mais na illa da Madalena, ao noroeste de Sardeña. Os habitantes de Córsega que non usan o corso son franceses chegados do continente ou pieds-noirs. Os oriúndos do país fálano ou sábeno falar, e o seu uso converteuse nun símbolo de identidade fronte ao colonialismo francés.

Do rexionalismo ao independentismo

O movemento nacionalista, que naceu rexionalista, foise diversificando na década de 1970. Nestes anos xorden diversos grupos armados, así como tamén organizacións parapoliciais co fin de combater o nacionalismo corso. En 1975, a formación autonomista Acción polo Renacemento Corso (ARC) decide intensificar a súa actividade. A primeira acción violenta ten lugar en agosto deste ano.

En 1976 fórmase a Fronte de Liberación Nacional de Córsega (FLNC, Fronte di Liberazione Naziunale di Corsica), froito da suma de varios grupos. A FLNC, que tomou tanto o nome como o sistema de organización frontista e interclasista do movemento anticolonial alxerino, exixía entre outras cousas a independencia da illa e a expulsión dos pieds-noirs.

Até 1983, ano en que oficialmente fica desarticulada, a FLNC levou a cabo varios ataques contra os “continentais” e as súas propiedades. En 1987 créase Cuncolta Naziunalista, brazo político do FLNC.

Durante o segundo mandato do presidente francés François Mitterrand, en 1991, apróbase unha lei que lle permite a Córsega ter unha autonomía especial (Colectividade Territorial Específica). Mais o Tribunal Constitucional, en 1993, reproba a inclusión da referencia ao "pobo corso", porén era como "parte do pobo francés". Institucións do Estado temen ademais a reacción en cadea doutras nacións que reclaman status similares.

Nos seguintes anos, as loitas internas no nacionalismo corso provocan numerosos mortos. En 1998, o prefecto -delegado do Goberno francés en Córsega-, Claude Erignac, morre asasinado na illa. Sendo Lionel Jospin primeiro ministro, Francia cédelle máis autonomía en temas educativos e económicos ao Goberno da illa, o que provoca profundas críticas de todo o abano político francés.

Proceso histórico no nacionalismo

En 2003, os corsos rexeitaron en referendo unha proposta que lle outorgaría máis autonomía á illa. O daquelas presidente francés, Jacques Chirac, pedira o voto favorábel para rematar con 30 anos de violencia. O seu home forte, o daquelas ministro do Interior, Nicolás Sarkozy, fixo unha inédita campaña polo 'Si' nunha 'rexión' tradicionalmente hostil con París.

Dous días antes da votación, a Policía francesa detivo o militante nacionalista corso, o gandeiro Yvan Colonna, acusado do asasinato do prefecto Erignac cinco anos antes. Hai tan só unhas poucas semanas comezou o seu xuízo de apelación.

O principal partido nacionalista corso é Corsica Nazione Independente, arredista e oposto a violencia, que agrupado con outras dúas formacións autonomistas dentro do grupo Unione Naziunale ostentan oito dos 51 representantes da Asemblea Rexional (Corsica Nazione ten tres, que chegaron a ser oito no período 1999-2004).

O independentismo corso ratificou este ano o proceso de unificación acordado en maio de 2008. As principais formacións da corrente secesionista -Corsica Nazione Independente, Rinnovu, e en menor medida, l'Accolta Naziunale Corsa e Strada Dritta- anunciaron oficialmente o pasado 5 de febreiro en Corti a súa disolución e a converxencia nunha nova e única forza: Corsica Libera.


5/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: