Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
45 mil sinaturas de apoio e mobilizacións na illa

Comeza o xuízo de apelación pola morte do delegado do goberno galo en Córsega

En 2007, a xustiza francesa condenou a cadea perpetua o gandeiro nacionalista Yvan Colonna polo atentado acontecido hai 11 anos.

Redacción - 13:45 09/02/2009
Concentración deste domingo en Aiacciu

Concentración deste domingo en Aiacciu

O Tribunal Especial Criminal de París abre este luns o xuízo de apelación do caso do nacionalista corso Yvan Colonna, condenado en primeira instancia a cadea perpetua en 2007 polo asasinato do prefecto de Córsega (o delegado do goberno francés na illa) Claude Érignac. Durante cinco semanas revisarase o caso, acontecido hai 11 anos, informan medios galos e corsos.

Erignac foi tiroteado na cabeza o 6 de febreiro de 1998 cando camiñaba por unha rúa de Aiacciu, capital do sur de Córsega (Corsica, en corso). Ademais de Colonna, outros seis homes membros do chamado 'grupo dos anónimos', célula nacionalista disidente do principal grupo independentista corso, xa foron condenados por este crime en xullo de 2003.

Algúns deles apuntaran á participación de Colonna, gandeiro de profesión que agora ten 49 anos. Algo do que di estar segura a viúva do prefecto. Nunha entrevista publicada este luns no diario Le Parisien, afirma que non ten "ningunha dúbida" da súa culpabilidade. Por outra banda, unha misión de observadores da Liga de Dereitos Humanos estará presente durante o xuízo de apelación.

"Son un patriota corso. Nunca matei ninguén"
A defensa de Colonna di que este mantén unha actitude "combativa, disposto a demostrar con forza a súa inocencia". Algo que sempre fixo dende a súa fuxida e posterior captura: "Son un patriota corso. Nunca matei ninguén; tampouco o prefecto Erignac".

Yvan Colonna conta cun comité de apoio -que considera o proceso unha "vinganza do Estado"- que xa recolleu 45 mil sinaturas, e conseguiu unir independentistas, nacionalistas e autonomistas corsos. Este domingo, varios militantes reuníronse fronte o Pazo de Xustiza de Aiacciu, convocados pola Comisión Anti-Represiva (CAR) de Corsica Libera (nova formación que agrupa catro forzas soberanistas, entre estas Corsica Nazione), para demandaren a súa liberdade.

As principais reclamacións do soberanismo corso son: a autonomía política da illa; a promoción da lingua propia e o seu aprendizaxe obrigatorio nas escolas; a redución das infraestruturas destinadas ao turismo e da súa promoción, na procura doutro tipo de desenvolvemento económico sustentábel; e o respecto ao litoral así como a revisión, limitación e cumprimento de permisos e licenzas de obra.


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Son un patriota corso. Nunca matei ninguén", asegura Colonna
"Son un patriota corso. Nunca matei ninguén", asegura Colonna
Comunicado da Comisión Anti-Represiva (CAR) de Corsica Libera con motivo do xuízo de apelación (clique para ampliar)
Comunicado da Comisión Anti-Represiva (CAR) de Corsica Libera con motivo do xuízo de apelación (clique para ampliar)