Rexeitan tamén o retroceso que supón a rotura do bloque Unione Naziunale, que agrupaba a arredistas e autonomistas moderados de Córsega.
Nunha misiva, escrita dende o anonimato mais que o diario parisiense Le Monde di ter verificado, varios militantes nacionalistas corsos critican dende o cárcere a loita armada que levan a cabo algúns grupos na illa, e renuncian abertamente á violencia "como medio de expresión".
"Para min a LLN (Lutte de Libération Nationale) hai tempo xa que está morta e enterrada" afírmase noutra carta do mesmo autor, datada o 16 de xullo, unha confesión que para o Le Monde é "moi estraña" xa que vén dun "nacionalista encarcerado por atentados".
Xa o pasado mes de maio, Antoine Marchini, xefe do Frontu di Liberazioni Naziunali di a Corsica (FLNC) e líder oficioso dos anónimos condenara o uso da loita armada pouco antes de ser xulgado na Audiencia Nacional de París: "Sen ánimo de ser oportunista nin calculador, condeno a violencia". Actualmente, Marchini está na cadea acusado de ser o autor de vinteún atentados entre os anos 2001 e 2002.
Fin da Unione Naziunale
Porén, a violencia non é a única diferencia existente entre este colectivo informal de presos políticos e a dirección do movemento independentista en Córsega. A rotura do bloque Unione Naziunale, que agrupaba a arredistas e autonomistas moderados, tamén suscita críticas.
"Hai algúns anos, estaban de acordo para crear unha unión forte. Votar hoxe o contrario desta vía emprendida en 2004 por Unione Naziunale, é tomar aos corsos por parvos!", denuncia o detido, que engade que "en troques de avanzaren, retroceden e con estas posicións rexorden as vellas pantasmas".
Outro signo do desencontro, segundo o rotativo parisiense, é o feito de que varios presos políticos, tal como Marchini, Stéphane Leca (alto mando) e sobre todo Félix Marcellesi, figura histórica do nacionalismo corso e máxima figura de Corsica Nazione Indipendente no extremo sur da illa, tomasen a decisión política de dimitir do Cumitatu Contr’à a Ripressione (CAR), asociación que lle dá apoio aos nacionalistas corsos encarcerados.
Visita de Sarkozy á illa
"A liña de defensa de algúns destes militantes que criticaban a violencia política era totalmente incompatible co comité ", precisa Jean-Marie Poli, voceiro do CAR, que salienta que as promesas do ex ministro do Interior Nicolás Sarkozy "de achegar os presos políticos á Córsega, non se cumpriron".
Este martes, o agora presidente da República efectuará a súa primeira visita oficial á illa para lle dar apoio aos empresario vítimas da extorsión.