No ano 1807 finaba en Londres Pasquale Paoli, o considerado como pai da Nación corsa. Nestes días, 200 anos despois da súa morte, os habitantes da pequena illa do Mar Mediterráneo conmemoran a efeméride con diversas celebracións. Miles de corsos foron en procesión o pasado 5 de febreiro cara á vila de Morosaglia, lugar que o viu nacer en 1725, cando o territorio vivía baixo o dominio de Xénova, e onde dende hai un século repousan os seus restos. Pasquale Paoli, tras vivir exiliado en Nápoles máis de quince anos, retornou en 1755 para se converter no comandante en xefe do exército corso e acadar a independencia para o seu país.
Os actos oficiais contaron coa presenza tanto de políticos e dirixentes corsos como franceses, aínda que como recolle o correspondente de BBC Radio 4 na súa crónica, o representante estatal galo mantívose calado e un pouco á marxe. Cómpre lembrar que hai nove anos un dos seus predecesores foi asasinado nesta mesma conmemoración. Outro dos protagonistas do día foi o abade Mondoloni, quen celebrou o réquiem por Paoli, e é un dos máis significados defensores da independencia de Córsega.
Pasquale Paoli foi unha das figuras máis importantes no Século das Luces en Europa, xa non só por acadar a liberdade para o seu pobo, senón por escribir a primeira Constitución corsa, en cal se inspiraron os redactores da Carta Magna dos Estados Unidos de América. De feito, varias vilas norteamericanas (en Indiana, Colorado, Pensilvania, Massachusetts, Connecticut, Nova York e Vermont) chámanse "Paoli".
O nacionalismo corso na actualidade
Dunha volta independente, Córsega tornouse nunha provincia francesa pobre e marxinada, cunha grande presión urbanística debida a masiva construción de segundas vivendas por parte de 'veraneantes' franceses e doutros países estranxeiros.
Na actualidade, as principais reclamacións do nacionalismo corso son: a soberanía política da illa; a promoción da lingua propia e o seu aprendizaxe obrigatorio nas escolas; a redución das infraestruturas destinadas ao turismo e da súa promoción na procura dun outro tipo de desenvolvemento económico sustentábel; e o respecto ao litoral así como a revisión, limitación e cumprimento de permisos e licenzas de obra.