Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Carlos Callón, presidente da asociación

"Hai que reformular a estrutura d'A Mesa, pero non desbotala sen máis"

Este sábado escollen nova directiva, aínda que só hai unha candidatura, a que el encabeza. Vídeo no interior.

A. Rodríguez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 14:10 27/03/2009
Carlos Callón volve repetir na candidatura, como presidente da asociación

Carlos Callón volve repetir na candidatura, como presidente da asociación

Un balance das dúas décadas de funcionamento, a descrición da situación actual e os retos de futuro, tres preguntas enteiras que lle soltamos a Carlos Callón, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística así sentou, diante dunha auga do tempo, no bar ao que vai de mañá, na Rúa do Vilar, en Compostela.

A Mesa ten a súa sede no predio do lado, un edificio de entrada enreixada e infinitivos conxugados nos carteis, que che din que pases sen chamares, ou que arrimes a porta ao pasares. No bar fan unhas tortas de chocolate boísimas. Ao escoitar a gravación da conversa con Callón, óese a xornalista mastigar, entre pregunta e pregunta. Non é doado non comela, téndoa diante.

A pesar de que ante a cámara estaba un bocado ríxido, serio e directo, despois Carlos Callón relaxouse. Andaba ás présas, porque tiña, en media hora, unha conferencia de prensa, pero non lle importou contestar ao que fose, o tempo que fose. Imos directamente falar d'A Mesa, do que realmente é -unha asociación cultural- e do traballo que fai e o que din que fai. Repite varias veces que a asociación cultural que preside é a meirande de Galiza, xa que ten 3.500 socios, e lembra que no último ano afiliáronse unhas 280 persoas -unha cifra histórica-, algunhas delas, recoñece, "para apoiarnos, mentres outra xente nos demonizaba, algo que agradecemos moito". "Presentamos proxectos totalmente limpos, non como se dixo nos últimos tempos", sinalou, referíndose, entre outras cousas, ao Correlíngua ou á Liña do Galego, que "é certo", "algún deles están financiado polo Goberno, coma calquera traballo dunha asociación cultural, pero nós non dispoñemos do medio millón de euros de financiamento que se dixo nalgúns medios; tivemos 500 mil euros en catro anos, e con eles fomos traballando", sinalou, ao tempo que apelaba á nova Xunta, poucos días antes de que esta se vaia formando, para que non corte o rego dos cartos: "esperemos que non caian nesa trampa sectaria".

"Se pretenden que calemos, están errados, porque non o imos facer en ningún caso"
Así encetamos a conversa, falando da "persecución" que se lles fixo nos últimos tempos, que comezou, segundo el mesmo lembrou, no outono do ano pasado. "Dixeron que a Xunta nos pagaba por andar ameazando os comerciantes", sobre todo dende a prensa estatal, lembra, citando especialmente un xornal, El Mundo. "Foi unha campaña de difamación, na que non se nos deu a posibilidade de defendernos", dixo, mentres se mantiña firme: "Se se seguen vulnerando os dereitos lingüísticos, o dereito básico a vivir en galego, seguiremos mandando cartas, avisando do que acontece, e se non funcionan, organizaremos mobilizacións, prepararemos denuncias... o que faga falta!". De saír á rúa falouse abondo, porque esta será un dos principais obxectivos da "nova" Mesa. Na asemblea do sábado escollen, por primeira vez na súa historia, dous órganos directivos, a Comisión Permanente -que funcionaba até o de agora como único órgano, e que pasará a se chamar Xunta Directiva- e a Coordinadora de Zonas. O traballo comarcal e local é o que queren afortalar nesta nova etapa, porque, segundo dixo Callón, "nunca houbo tanto traballo nas zonas coma hoxe en día, e isto é positivo".

"Tras lavar o neno hai que tirar a auga sucia, non o neno"
"Temos que chegarlle á xente coas nosas propostas. Sabemos que hai medios de comunicación, grupos fácticos, que non queren deixarnos chegar a certos lugares coa nosa mensaxe, que nos van distorsionar, porque vai contra os seus principios, ideolóxicos, tácticos e estratéxicos, mais cómpre sabermos tecer unha rede social de base para podermos contrarrestar todo isto. Imos introducir este elemento de corrección". Así define as liñas de traballo para o futuro, mudando un bocado o sistema, e dándolle máis forza aos afiliados de base, pero nin pensa en tirar abaixo a asociación.

Cando se lle pregunta se, co futuro que se lle presenta á nosa lingua, que moitos agoiran negro e murcho (dadas as declaracións feitas por membros do PPdeG na precampaña, na campaña e tamén pasadas as eleccións), habería que pensar en crear outra fórmula, se cadra unha organización máis ampla, que chegue, doutro xeito ou por outro sistema á xente, Callón nin pensa niso. Citando a Marx lembra que ao lavar o neno hai que tirar a auga sucia, non o propio neno. Fala de introducir cambios nas estruturas "que tanto tempo e tantos esforzos gastamos en erguer", pero nada de "desbotalas polas boas". Defende o barco no que vai, sempre cun sorriso, pero con contundencia, e hao facer aínda máis veces durante toda a conversa. A Mesa é para el, entre outras cousas, "un instrumento que serve, que segue a ser útil, ao que é necesario introducirlle correccións".

"Vostede fala galego? ¿Yo? ¡Siempre!"
Unha destas correccións se cadra sería chegar a esa parte da sociedade que é monolingüe en galego, pero que non ten porque ser da esquerda ou da dereita. "Que cómpre que A Mesa se abra a outra xente é algo no que concordamos. Nós tentamos ser a casa de defensa común do galego, e ben sabemos que moitas veces as nosas chamadas teñen mellor resposta por parte do corpo social do nacionalismo, sexa partidarios, sindical, etc.", mais unha cousa que habería que relativizar, pensa, "é se cando unha persoa di que fala galego, se realmente o fai". E velaquí vén a segunda cita, dun cadriño do Carrabouxo: "no debuxo hai un home traxeado ao que o outro lle pregunta 'Vostede fala galego?', e el responde '¿Yo?, ¡siempre!'". A seguir, fiando de présa, comezamos a falar do mapa sociolingüístico elaborado pola RAG, un tema que habiamos de sacar, tarde ou cedo, despois da polémica que suscitou, sobre todo no pequeno mundo dos filólogos e das súas liortas persoais.

Sobre a polémica dun mapa sociolingüístico que presentaron, mais non elaboraron
"Cando presentamos os datos do mapa sociolingüístico que elaborou a RAG, xa nos chamaron catastrofistas, só por dalo a coñecer, cando isto non é verdade. Estes datos oficiais deben coñecerse, porque son estudos que demostran con exactitude o contrario do que se dixo todo este tempo, que non é certo que exista unha imposición do galego. E non é catastrofismo dicir que esta situación se pode reverter, que foi xusto o que fixemos", explicou o presidente d'A Mesa, lembrando que a mala situación do galego se pode mudar, pero que para isto teñen que intervir os poderes públicos -Goberno, deputacións, concellos-, tomando o camiño axeitado, e non dando "pasos atrás", como poderían darse de se aprobar as "medidas que anunciou o PP".

"Non hai que matar o mensaxeiro, que foi o que se fixo con nós, e hai que lembrar que non todo o mundo que fala galego o fai, porque vivir na nosa lingua significa falala alén do ámbito familiar, tamén co médico, o notario ou mesmo no xulgado. Unha política lingüística exitosa debería ter en conta isto, porque non é o mesmo a situación lingüística no centro de Vilagarcía como nunha parroquia, ou no centro da Coruña e en Rianxo ou Taragoña. Hai diferentes actitudes na sociedade ante as cales se debe reaccionar de forma diferente. O problema é que se presenten estudos, de xeito claro, e non se tomen as medidas precisas. É coma se un médico colle unha analítica dun paciente, e a garda no caixón".

Como comezamos a falar do informe da Academia, logo seguimos con el. E tocamos axiña a polémica que tamén se creou cando foi presentado. Por que cre Callón que non se presentou antes? Por que non se publicitou? Había arelas que agochalo até despois das eleccións? "A estas preguntas deben responder dende a Academia", pero, segundo dixo, nesta institución teñen unha total "falta de axilidade á hora de defender o noso idioma". Pensan, e teñen "esperanzas" n'A Mesa, de que non houbese unha "intencionalidade negativa" -"no comunicado que enviaron non o aclaran!"-, pero ven con "mágoa", en palabras de Callón, que "tendo a RAG uns datos oficiais tan contundentes, acabados de sacar do forno", que ben poderían servir "para desmontar toda a campaña de difamación e mentiras contra o galego", non os empregase finalmente. Porén, e a pesar das críticas, para Callón aínda hai esperanza, e poñen dende A Mesa, así o dixo, "un voto de confianza en que a Academia encabece a loita de defensa do noso idioma nos vindeiros anos, para evitar que se desmantelen os mínimos de oficialidade que se conseguiron na etapa autonómica".

Fortes críticas ao Consello da Cultura Galega
Tamén falou das críticas que recibiron por presentar eles un informe que non elaboraron, e por "manipular" os datos -discutiuse moito sobre as marxes de erro nas porcentaxes. "A min persoalmente, cáusanme pasmo", dixo, "pasmo porque nin un só estudo hai que non indique tendencias de declinio gravísimo para a nosa lingua (...) A min isto paréceme discutir sobre o sexo dos anxos cando están asediando a cidade". Tamén o sorprende, sinalou, "ver que hai especialistas como Mauro Fernández, Henrique Monteagudo ou Anxo Lorenzo que critican o feito de que A Mesa presente estes datos oficiais, en primeiro lugar, porque non elaboramos -non temos que ver coa metodoloxía-; e en segundo lugar, porque ningún dos tres lera o informe cando fixeron as súas críticas. E isto é así de duro". Outra cousa que non entende Callón é que "unha persoa que, sen dúbida, defende a nosa lingua" coma Henrique Monteagudo, "realice entrevistas públicas nas cales critica A Mesa, cualificándoa de tremendista, e di que lle dá unha marxe de confianza a Núñez Feijoo", e todo isto "como secretario do Consello da Cultura Galega". Nesta liña Callón tamén di que o abraia que tamén dende o Consello reciban o "futuro presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, que daquela non era nin deputado nomeado" e que el diga, na mesma sede do organismo, que "en Galiza hai un problema de liberdade lingüística nas aulas e na rúa", e que "el vai tomar medidas para que este problema non exista, coma se aquí estivésemos nun estado totalitario". Todo isto diante dos membros do CCG que "non dixeron absolutamente nada, non matizaron nada!".

Por que razón, habendo todos os datos que había, non se quixo contrarrestar o discurso dos detractores do galego?
Callón non sabe responder a isto, e dálle, outra volta, "mágoa". "Non vou negar que o que hai detrás é unha adaptación aos novos poderes", sinala, referíndose de novo á actitude do CCG. Parécelle que nisto está a explicación de que se lle dea unha "marxe de confianza" a unha persoa -Núñez Feijoo- "que está dicindo, todos os días -quen non o saiba é porque non quere sabelo- que vai derrogar o Decreto do Galego no Ensino, romper o modelo das Galescolas e ademais, tentar derrogar o decreto 10 da Lei de Normalización Lingüística (o que fala de que a forma oficial dos topónimos debe ser a galega).

Organizacións contra o galego "sempre as houbo" e nunca tiveron unha "forza real"
A outra parte da conversa tratou sobre os grupos contrarios ao galego. Sabendo da súa pouca forza real, debatemos sobre a forza mediática que colleron, mentres Callón lles quitaba, todo o tempo e cunha inmensa tranquilidade, importancia. "Entidades en contra do galego houbo sempre, ao longo de toda a etapa autonómica, e antes. O que pasa é que o galego daquela estaba nunha situación bastante máis precaria. A diferenza é cal é a súa funcionalidade, tanto para os grupos mediáticos próximos ao PP, que foron os que inflaron realmente esta asociación -estamos falando de algo que socialmente non ten case apoio-, tanto como para o propio PP". É certo que tiveron e teñen primeiras capas para eles en varios xornais, e mesmo recoñeceron, algunhas delas, que teñen "case medio millóns de euros para actividades, unha cantidade que non ten A Mesa", pero non son "tanto coma aos grupos fácticos lles interesa que sexan". Callón vai mentalmente á hemeroteca, e lembra que no ano 1996, cando se aprobou a Lei de Normalización, xa saíran certas "campañas de difamación nos medios". Daquela, cal é a diferenza? "Que agora eran máis útiles para tentar tombar o goberno. É a táctica habitual da dereita, empregar o discurso do cinismo e demagoxia".

Sería axeitado mudar o discurso no seo d'A Mesa?
Por que non mudar o discurso, e a palabra equiparación pola de monolingüismo? Por que defender un Decreto que fala de impartir o 50% das clases en galego, e non do cento por cento? Pois, segundo Callón, "hai que ter claro o horizonte, pero tamén é moi necesario pisar terra". "Canto máis acosados esteamos, máis tendencia imos ter a facer discursos de consolo individual, nunha situación na cal cremos que temos a verdade absoluta, pero que non serven para traballar na rúa". Non quere falar de "obxectivos maximalistas" porque a realidade na que estamos é "outra". "A realidade é que queren desmantelar o pouco que conseguimos" e nós non podemos "dar saltos no baleiro". Alén disto, Callón lembra que o bilingüismo non ten nada que ver co que din asociacións como Galicia Bilingüe, ou "co que di o PP". "O bilingüismo social non existe, e dicir isto é crear confusionismo", e arrepoñerse a isto é, segundo Callón, "caer na trampa do confusionismo ideolóxico". "Ir nesta liña non serve para traballar, serve para un conformarse na casa propia, pensando que un ten toda a razón, e que o mundo é inxusto e que non fai caso. Pero claro, iso é testemuñalismo. E nós nunca apostamos polo testemuñalismo. Nós apostamos por transformar, con máis ou menos dificultades. Será tamén porque coñecemos ben a realidade na que estamos".


Ligazóns

4/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Retallo da entrevista con Carlos Callón

Fran Rei e Carlos Callón entregando unha listaxe de centros que incumprían, en febreiro do ano pasado, o Decreto do Galego
Fran Rei e Carlos Callón entregando unha listaxe de centros que incumprían, en febreiro do ano pasado, o Decreto do Galego
Imaxe da campaña de afiliación d'A Mesa
Imaxe da campaña de afiliación d'A Mesa
Outro cadriño do Carrabouxo no que se explica ben o que Callón opina do debate errado do bilingüismo / Tirado do seu blog persoal
Outro cadriño do Carrabouxo no que se explica ben o que Callón opina do debate errado do bilingüismo / Tirado do seu blog persoal