Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Avaliación da Mesa pola Normalización Lingüística

"É disparatado defender para os nenos que ignoren o galego"

"Quen honestamente diga defender o bilingüismo, debería apoiar o idioma que está discriminado e non saír en manifestacións para que se machaque aínda máis", reflexiona o presidente da Mesa, Carlos Callón.

Redacción - 18:00 08/02/2009
Tags:

Como unha marcha "do odio, a intolerancia e o racismo lingüístico", cualificou este domingo o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, a manifestación que tivo lugar en Compostela. Callón lamenta que se trate dunha mobilización "que non se convocaba para que se garantan dereitos, senón para retirarllos a outros" e valorou o resultado da convocatoria como "un fracaso para a convivencia de todas as galegas e galegos".

De paso, desde a Mesa tamén denuncian que se desampare a quen queira "vivir e falar na lingua propia de Galiza". Ao fío, o colectivo critica que o PP sexa de feito a "única entidade de relevo" que secundou a marcha e acusan este partido de mobilizar simpatizantes a esta "marcha do odio" consumando así "unha traizón aos seus milleiros de tradicionais votantes que falan en galego". A Mesa recorda que canda o PP apoiaron a mobilización contra o galego desta xornada partidos como a Falange e asociacións como a AVT, que difundiu un comunicado "onde equipara a defensa do galego coa exaltación á ETA".

Doutra banda, a Mesa pola Normalización Lingüística considera que os obxectivos expresados polos convocantes son "predemocráticos" e recorda que nin Constitución nin Estatuto amparan "o disparatado dereito á ignorancia do galego". "Pretender evitar que os nenos e as nenas tamén aprendan en galego suporía unha fractura social", alertan. Nun comunicado posterior, a Mesa engade ao respecto da avaliación desta manifestación que "malia o toque de corneta do PP, a sociedade galega deulle as costas a unha manifestación que foi contra principios básicos de convivencia, como o recoñecemento do galego como lingua propia e cooficial".


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: