Sócrates ratifica o compromiso dos gobernos portugués e español co proxecto, mais no comunicado oficial conxunto non se mencionan prazos concretos.
O primeiro ministro de Portugal, José Sócrates, ratificou ante os medios o compromiso do seu goberno e mais do español para que as obras do TAV que unirá Vigo co Porto culminen "en 2013".
Porén, o comunicado conxunto subscrito polos dous executivos ao termo da XXIV Cimeira hispano-lusa, esta quinta feira na localidade española de Zamora, non menciona prazos concretos.
En concreto, o documento sinala que ambos os dous xefes de goberno "anovaron o seu firme compromiso de impulsar os proxectos de tren de alta velocidade Madrid-Lisboa e Porto-Vigo".
Sócrates precisou que xa se lanzou un concurso para a licitación das obras dun primeiro tramo da liña Madrid-Lisboa e confiou que os traballos se poidan adxudicar neste "primeiro semestre de 2009". No caso do proxecto atlántico, as obras non comezarán como mínimo deica 2010.
Ademais, de Sócrates e do seu homólogo español, José Luis Rodríguez Zapatero, participaron na cimeira o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, así como numerosos ministros e conselleiros e mandatarios das comunidades autónomas españolas limítrofes con Portugal.