Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica en Portugal e Galiza

A presidenta do PSD portugués di que paralizará o TAV se chega ao goberno en 2009

Representantes de PSOE, PP e BNG, así como o propio primeiro ministro luso, José Sócrates, critican as palabras de Manuela Ferreira Leite.

Redacción - 17:30 19/01/2009
Portugal non se pode permitir o investimento no TAV, di Ferreira

Portugal non se pode permitir o investimento no TAV, di Ferreira

A presidente do Partido Social Demócrata (PSD) de Portugal, Manuela Ferreira Leite, anunciou que de formar goberno despois das lexislativas de 2009, paralizará o investimento nos proxectos de alta velocidade ferroviaria, entre os que está o TAV entre Vigo e Porto.

"Na situación actual do país, que está cun nivel de endebedamento absolutamente insustentábel, non é posíbel facer investimentos, sexan os que fosen, que impliquen grandes importacións", afirmou no transcurso dunha entrevista este venres na canle de televisión pública, RTP.

"Non avanzarei co TGV (TAV) porque é un investimento que ten uns custos presentes e futuros de tal forma violentos para o país que non son tolerábeis co noso nivel de endebedamento. Gustaría moito de vivir nun palacio, mais non podo porque non teño diñeiro para iso", engadiu.

Antón Louro (PSOE), Andrés Ayala (PP) e Francisco Rodríguez (BNG)
Consultados pola axencia Lusa esta fin de semana, representantes de PSOE, PP e BNG criticaron as palabras da líder do PSD. O socialista Antón Louro cualificounas de "sorprendentes e contracorrente", e que representan "unha minoría dentro do PSD".

"Non podo crer que unha líder que aspira ou pretende alcanzar a confianza do pobo portugués poida comentar con frivolidade estes dous proxectos (Vigo-Porto e Lisboa-Madrid) que son de interese estratéxico para España e Portugal", afirmou.

O portavoz do PP na Comisión de Fomento do parlamento español, Andrés Ayala, dixo que "é unha opinión incomprensíbel. Este é un proxecto prioritario da rede transeuropea de transporte, onde hai oportunidade de aplicar fondos europeos".

Francisco Rodríguez, do BNG, consultado tamén pola axencia Lusa considerou que as declaracións de Ferreira Leite son "especialmente inadecuadas" e deben ser vistas "moi negativamente".

O secretario xeral da UPG afirmou que esta posición representa "non querer afrontar o problema da necesidade de abertura territorial entre Galiza e Portugal" con "un modelo ferroviario adecuado ao inicio do século XXI".

"É un proxecto fundamental dende o punto de vista económico e dende o punto de vista das relacións económicas, políticas e sociais entre Portugal e España e, no noso caso, entre Portugal e a Galiza", manifestou.

José Sócrates: "Proxecto esencial"

O primeiro ministro de Portugal, José Sócrates, que este domingo presentou en Belem a súa moción política para o congreso do Partido Socialista (PS), tamén atacou a presidenta do PSD. "Non quero que outra xeración de portugueses fique atrás só por causa de preconceptos ideolóxicos dun partido", dixo.

Sócrates foi máis lonxe no seu ataque, afirmando que sempre desconfiou "daqueles que teñen necesidade de se presentaren como arautos da verdade", e cualificou o proxecto do TAV de "esencial" para que Portugal fique integrado na Europa.

Referendo sobre a rexionalización de Portugal

Por outra banda, na moción presentada polo líder do PS e que será debatida no congreso que han organizar entre o 27 de febreiro ao 1 de marzo, Sócrates define como meta nas lexislativas de 2009 a maioría absoluta, promete reforzar os dereitos dos inmigrantes, defende o "casamento civil" homosexual e prevé que se volte a referendar a rexionalización do país.

Ao respecto deste último punto, o PS considérase como un partido a favor da división administrativa, "porque considera que son un instrumento de desenvolvemento territorial e cohesión nacional".

"O compromiso político do PS é avanzar máis na descentralización de competencias para as autarquias locais. E é procurar o apoio político e social necesario para colocar con éxito, no cadro da próxima lexislatura, e nos termos definidos pola Constituição, a cuestión da rexionalización administrativa, no modelo das cinco rexións", recolle o documento que ha defender Sócrates.


4,29/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: