Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Novas dúbidas no Eixo Atlántico sobre 2013

"O TAV Lisboa-Madrid non pode condicionar os prazos do Porto-Vigo"

O goberno portugués saca a concurso público a construción do primeiro tramo da liña que unirá a capital lusa coa española.

F.A. - 13:00 03/06/2008

O presidente da Xunta e representante na última Cimeira Ibérica das comunidades españolas lindeiras con Portugal, Emilio Pérez Touriño, reclamaba o cumprimento dos prazos acordados para a entrada en funcionamento en 2013 dos TAV Vigo-Porto, Lisboa-Madrid e Aveiro-Salamanca.

Fixéronlle pouco caso ao noso presidente os xefes dos Executivos español e portugués, José Sócrates e José Luis Rodríguez Zapatero, que ao termo do cumio expresaban o seu compromiso con esta data só para o tren rápido entre as capitais de ambos os dous estados.

Se temos en conta que Portugal aposta tamén polo TAV a Salamanca como principal saída cara a Europa, fica relegada a un segundo plano a conexión de Galiza co Norte de Portugal, un proxecto de tanta ou maior relevancia no desenvolvemento da economía do noso país -e da rexión portuguesa- que o que vai unir as cidades galegas con Madrid.

"Imposíbel a este ritmo"

Non é a primeira vez que dende o Eixo Atlántico se alerta desta circunstancia. Este luns, após a un reunión da Comisión Executiva, o presidente Luís Filipe Menezes manifestou de novo a súa preocupación polos atrasos no proxecto: "Aínda hai condicións para cumprir o prazo, se andamos á présa, mais, se o ritmo é o que foi até agora, non me parece que sexa posíbel".

Menezes anunciou ademais que os 34 municipios galegos e portugueses que conforman o Eixo vanlle escribir ao ministro luso de Obras Públicas, Mário Lino, "para lle lembrar que o cumprimento dos prazos non debe ser condicionado pola liña Lisboa-Madrid".

Primeiro tramo portugués do Lisboa-Madrid
Namentres, o Goberno portugués puxo este mesmo luns a primeira pedra para a posta en funcionamento da conexión a tempo e xa fala do que van custar os billetes (arredor de 100 euros), informan os medios dos país veciño.

Nun acto público na localidade de Évora, Sócrates anunciaba o lanzamento do concurso para a concesión, construción e mantemento, por 40 anos, dun dos dous tramos en que se divide a obra, o Poceirão-Caia (o outro é Lisboa-Poceirão), de 167 quilómetros.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



José Sócrates anuncia o lanzamento do concurso para o primeiro tramo do TAV Lisboa-Madrid, este luns en Évora
José Sócrates anuncia o lanzamento do concurso para o primeiro tramo do TAV Lisboa-Madrid, este luns en Évora
Sócrates, acompañado polo ministro de Obras Públicas, Mário Lino, antes da presentación
Sócrates, acompañado polo ministro de Obras Públicas, Mário Lino, antes da presentación